O plan de reforma paisaxística do parque de Amalia Álvarez poderá licitarse a partir deste luns

8

A Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, que dirixe o socialista Iván Puentes, dará este luns o paso administrativo definitivo para facer realidade o plan de reforma paisaxística do parque de Amalia Álvarez, ao levar a Xunta de Goberno Local para a súa aprobación o expediente de contratación do proxecto. A actuación deseñada polo enxeñeiro de Montes Diego Pereira (da empresa Acroa) e o xefe do Servizo Municipal de Parques e Xardíns, Manuel Fontán, executarase grazas a unha achega económica de 59.875,14 euros e contempla a creación dunha área de xogos infantís de 284 metros cadrados para rapaces de 4 a 10 anos na zona sur do parque, así como a mellora da xardinería e a plantación de especies arbustivas e tapizantes.

Tras aprobarse en Xunta de Goberno, o Concello de Pontevedra podería iniciar xa a licitación do proxecto, que ten un prazo de execución previsto dun mes e medio desde o inicio das obras, polo que Iván Puentes agarda que esta remodelación integral se faga realidade “nos primeiros meses de 2022”. Tal e como lembra o edil do PSOE, “a intervención levarase a cabo a partir dun proxecto-guía básico no que se define as características técnicas que rexerán a contratación dos novos equipamentos de lecer para nenos e nenas e no que se formulan uns elementos tipo de xogo cun prezo estipulado, deixándose aberta ao deseño e creatividade dos licitadores a proposta concreta dos mesmos, sempre dentro duns requirimentos mínimos e do cumprimento das normativas de seguridade”.


No prego de prescricións técnicas tamén se definen, ademais dos xogos, o tipo de pavimento amortecedor, o peche do perímetro do parque infantil e unha zona de descanso para os acompañantes xerada mediante a creación dun banco corrido de oito metros ancorado no muro que delimita o terreo polo norte. A nova área de lecer infantil estará pechada en todo o seu perímetro e será obrigado que haxa: cando menos un elemento de xogo conte con criterios de accesibilidade universal (debendo ser este un elemento dinámico ou do tipo carrusel, que xere movemento ao introducirse no seu interior); cando menos un bambán cunha cadeira tipo cueiro e outra plana; un xogo combinado con alomenos tobogán, rede de escalada, plataforma e escada; un elemento composto mediante combinación con casiñas de xogo, e a subministración e instalación dun xogo tipo resorte con capacidade para dúas persoas.


Tódolos elementos de xogo adaptaranse e cumprirán co disposto no Decreto 245/2003, do 24 de abril, polo que se establecen as normas de seguridade nos parques infantís, e especialmente no que se refire aos capítulos III e IV do devandito Decreto e ás normas UNE-EN 1176.


Un banco corrido de madeira dentro do parque e respaldo para os existentes

O proxecto permitirá mellorar o valor paisaxístico do parque de Amalia Álvarez mediante a dotación dunha óptima composición a nivel de xardinería e de instalacións de rega que permitan a conservación e desenvolvemento dos valores estéticos propios dun parque moderno nunha zona urbana consolidada; xerar ámbitos de socialización comunitaria, ao crear lugares de encontro e realización de actividades lúdicas a través da instalación dunha zona de estancia cun banco corrido de madeira dentro do parque de xogos, e incrementar a capacidade de acollida e confort coa reforma dos bancos existentes, dotándoos a todos de respaldo.


Dende un punto de vista paisaxístico e de confort, apréciase a necesidade de incorporar árbores que envolvan o novo parque, propoñéndose neste proxecto a plantación de especies arbóreas do tipo do bidueiro branco (betula alba) e buscándose tamén un cromatismo agradable. A incorporación dun estrato arbustivo e tapizante neste parque é imperativa para mellorar o actual estado que presenta este espazo, en particular a zona do noiro, para o que se formula unha composición con diversas especies arbustivas e vivaces que garantan unha alta calidade paisaxística ao longo das distintas estacións do ano. 

Asemade, proxéctase a mellora do sistema de rego existente mediante o soterrado de tubarías e o acondicionamento con sistema de rega por goteo, aspersión e difusión entre estacións reguladas por cadansúa electroválvula e un programador central. 

Entre as melloras contempladas no plan de actuación inclúense unha ampliación da superficie de malla antiherbas, arborado e plantas vivaces e a subministración e instalación dun punto de recarga cun mínimo de dous conectores USB de 2,1A e 5V e un enchufe (toma schuko), soporte de apoio para os terminais e sistema de retroiluminación ‘recargando’.