Tino Fernández ponse a adestrar ‘en serio’ para afrontar a carreira San Silvestre

120

Comprometeuse a participar na San Silvestre deste ano e, para tentar completar o percorrido, está decidido a adestrar ‘en serio’. Rodeado duns adestradores de luxo como o director deportivo da proba, o laureado Víctor Riobó; a presidenta da Sociedade Ximnástica, Charo Castro, e a atleta do club pontevedrés Paula Martín, o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, aproveitou esta soleada mañá para ‘trotar’ un ratiño pola Illa das Esculturas e mellorar un pouquiño máis a súa condición física. 


Trala inusual e positiva experiencia da ‘Rara, pero San Silvestre’ de 2020, a tradicional Carreira San Silvestre regresa este Fin de Ano máis silvestre que nunca, cun percorrido que se despraza das rúas do centro urbano ao contorno campestre da Xunqueira de Alba. Por segundo ano consecutivo, a Sociedade Ximnástica e a Concellería de Deportes, Actividade Física e Saúde organizan o grande evento deportivo do Nadal na nosa cidade en plena pandemia, nunha versión que nada ten que ver coa separación xeográfica dos percorridos da estrana edición pasada e que, ao tempo que segue a priorizar a seguridade e a saúde dos pontevedreses, achégase de novo ao seu formato orixinal.


Así, a ‘clásica’ do 31 de decembro desenvolverase nun circuíto duns 2.900 metros completamente pechado ao tráfico, alonxado do casco urbano, polos camiños da Xunqueira, evitando as aglomeracións de público. Ademais, as saídas serán divididas en diferentes horarios e estableceuse un número reducido de persoas por grupo: serán saídas consecutivas de 150 persoas cada 20 minutos, sendo a primeira ás 10:30 horas e a última ás 17:40 horas, cun máximo de 2.550 participantes.