O Concello revela o plan de tráfico para as festas do Nadal e lembra que o mellor xeito de gozar do Nadal local é a pé

28
Dentro das medidas especiais que se tomarán están os desvíos puntuais de tráfico, o control dos ciclos semafóricos e o reforzo de axentes por toda a cidade

A través da edil de Seguridade e Protección Cidadá, Eva Vilaverde, o Concello de Pontevedra sinalou o plan de tráfico rodado durante as festas do Nadal na cidade. Trátase dun operativo que entra en vixencia o 22 de decembro e remata o 9 de xaneiro, coincidindo en maior medida co que son as vacacións escolares e o tempo de lecer natalicio, e que inclúe un bo número de compras propias destas datas e que traen consigo un aumento significativo do tráfico rodado na vila, amais dun crecemento substancial do número de paseantes que percorren o centro pontevedrés.

As recomendacións, «con carácter xenérico e en particular neste período de Nadal son as de sempre: evitar por enriba de todo acceder ao centro co coche, sobre todo nas horas punta» sinalou Vilaverde. Unha das ideas principais é que a xente percorra os diferentes aneis periféricos da cidade e que utilicen os aparcadoiros de bordo, para logo acceder ao centro a pé. A maiores, cómpre atender e cumprir as indicacións emitidas polos axentes da Policía Local, xunto coa sinalización circunstancial que vai aparecer pola Boa Vila estes días.

Sen novidades relevantes fronte a outros anos, a veciñanza xa coñece as características principais do plan de tráfico especial:

  • – Sinalización de dous aneis arredor do centro, un primario e outro secundario polo que será posíbel desviar o tráfico na súa maioría en caso de ser necesario
  • – Desvíos puntuais e excepcionais (que non afectarán ao transporte público nin de emerxencias)
  • – Control dos ciclos semafóricos segundo a intensidade do tráfico segundo as retencións e o lugar onde se produzan
  • – Control do aforo dos aparcadoiros, unha comunicación directa cos diferentes espazos subterráneos e exteriores para controlar o nivel de ocupación e saber se está completo ou con prazas
  • – Reforzo de axentes en puntos chave para a regulación do tráfico.

Con referencia aos aneis, estes quedarían definidos do seguinte xeito:

Anel Primario: acceso á zona centro e absorción do excedente do centro. Abarca: Xosé Malvar, Bos aires, Uruguai, Corbaceiras, Manuel del Palacio, María V. Moreno, Estación, Eduardo Pondal e Doce de novembro. Debe ter, e terá, un movemento continuo

Anel Secundario: vías de entrada e saída da cidade. Abarca: Domingo Fontán, tramo da AP9, Conde Bugallal, Virxinia Pereira, Rúa da Pomba, Monteporreiro, Avda. De Compostela. 

A continuación, quedan sinalados os definidos como puntos conflitivos, dos que se terá un seguimento especial, así como as posibles actuacións que se farán en cada un:

CENTRO

(Entrada)

Barcelos: pechar primeira entrada, desviar cara a Rúa Rouco, desviar en Bos Aires cara a Xosé Malvar, cortar o tráfico na rotonda da Ponte de Santiago cara a fóra, cara a San antoniño e Casimiro Gómez. 

Sagasta: con Benito Corbal e con Castelao —peche puntual de Castelao—.

(Saída)

Padre Amoedo/rotonda Pte. Santiago: control semafórico, desvío cara á Avda. Uruguai, axentes en pasos de peóns. 

ZONA LESTE:

(Entrada)

Xosé Malvar/Rúa da Seca: ciclos semafóricos, axentes rotonda Camiño Vello de Castela. 

Control na Rotonda da Pte. Dos Tirantes con Xosé Malvar.

12 de novembro con Teixoeira: peche puntual.

12 de novembro con Eduardo Pondal: desvío cara a rúa 12 de novembro.

Eduardo Pondal con Uxío Novoneira: control semafórico, prohibir o xiro de Eduardo Pondal cara a Uxío Novoneira desde Pza. Galicia, corte 12 de novembro con Teixoeira, desvíos cara a Xosé Malvar ou Rúa das Hortas, último: prohibir a entrada a Uxío Novoneira. 

ZONA OESTE: 

Entrada pola Ponte da Barca e Paseo de Colón: controlar os aforos dos aparcadoiros Alameda, Praza de España e Audiencia para evitar a ocupación das vías. 

Saída por Xeneral Rubín: presenza de axentes na rotonda, cambio dos ciclos semafóricos polo incremento da circulación en María Victoria Moreno con Manuel del Palacio. 

ZONA SUR: 

Entrada en Vialia-Otero Pedraio-Josefina Arruti,  23 e 30 de decembro: control do aforo do aparcadoiro de adif e cortes de Otero Pedraio desde Conde Bugallal (por bloqueo na glorieta ou afectación de Josefina Arruti).

Saída por Avda de Vigo/Josefina Arruti: en caso de afectación, garantir a preferencia de saída na rotonda do nó do Pino con axentes ou conos. 

ZONA NORTE: 

Entrada por Avda. Bos Aires: control aforo parking Zona Monumental, rotonda da Ponte de Santiago (desviarase o tráfico sacándoo cara a Ponte de Santiago), na Rotonda con Padre Gaite desviar cara a Xosé Malvar. 

Saída no tramo Pte de Santiago-Beiramar-Ponte das Correntes: Horas punta de 13 a 15 e de 18 a 20.30h. (control semafórico, presenza de axentes nos pasos de peóns de Padre Amoedo e na Ponte das Correntes. 

Saída por Xosé Malvar: control ciclos semafóricos e presenza de axentes na rotonda do Camiño vello de castela.

Alén de todas estas indicacións especiais, os días 24 e 31 de decembro son definidos como datas conflitivas por mor das compras de última hora, igual que 23 e o 30 do mesmo mes, días que a xente acostuma ir o cine ou gozar do ocio en xeral. Do 27 ao 2 de xaneiro son as primeiras rebaixas, e o 5 pola tarde a cabalgada de Reis e as últimas compras.

Vilaverde fixo fincapé en que, máis aló de todas sinalizacións e indicacións especiais, o mellor xeito de gozar da cidade de Pontevedra é a pé, pois para iso está pensada a cidade, para ser percorrida e pola que van acontecendo todas as actividades do programa de Nadal. Así, cómpre evitar entrar co coche no centro de no ser estritamente necesario, usar os aparcadoiros e os aneis perimetrais e gozar do ambiente de rúa e o Nadal da nosa cidade.