A Navidance Week de A Vida é Movernos supuxo a pernoctación dunhas 200 persoas nos hoteis de Pontevedra nos últimos días do ano

58

O evento Navidance Week, organizado pola Concellería de Deportes en colaboración coa escola Plié Dance School como colofón do programa A Vida é Movernos de 2021 e celebrado durante os pasados días 27, 28 e 29 de decembro no Recinto Feiral, “acadou un rotundo éxito de participación, coa inscrición dun cento de persoas procedentes de distintos puntos de España, das que unhas 50 se aloxaron en establecementos hoteleiros de Pontevedra coas súas familias durante eses días”. Un impacto “tremendamente positivo a nivel económico e turístico” subliñado polo promotor deste primeiro Galidance Intensive (Galicia International Urban Dance Camp), o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, quen apuntou que “en moitos casos os rapaces viñan acompañados polos seus pais e os seus irmáns, facendo unha media de catro persoas por grupo, polo que estamos a falar dunha ocupación extra dunhas 200 persoas para este período de Nadal”.


Tal e como lembra, o Navidance Week desenvolveu catro workshops diarios de hora e media de duración impartidos por profesores recoñecidos a nivel nacional e internacional. Entre os nomes propios que protagonizaron estas exclusivas 18 horas de formación figuran bailaríns e coreógrafos da talla de Dii Feeling (que bailou con artistas como Nathy Peluso ou Agoney e que ensinou no programa de televisión ‘Fama, ¡a bailar!’), Carlos Díaz (que competiu en campionatos internacionais de hip hop), Albert Sala (coreógrafo en programas como ‘Factor X UK, Dancing with the stars’ e ‘So you think you can dance’), Marthe Vangeel (compoñente da Scandalize Crew e reputada instrutora de dancehall), Duki (finalista da versión húngara de Got Talent), Evelio (concursante en The Dancer), Jana Feeling (destacada bailarina de hip hop), Safu (que bailou xunto a artistas como Becky G, Anitta, Sebastián Yatra e Sweet California e participou en videoclips de C. Tangana, Rels B e Arón Piper, ademais de pasar por ‘Fama, ¡a bailar!’), Oriana Meléndez (concursante de ‘Fama, ¡a bailar!) e Javi Berga (The Voice Spain, Becky G…).