A ‘San Silvestre máis silvestre’ entrega 2,3 toneladas de alimentos e produtos non perecedoiros ao Banco de Alimentos de Pontevedra, batendo o récord de solidariedade da carreira popular

202

A ‘San Silvestre máis silvestre’ de Pontevedra logrou bater nesta edición de 2021 dous novos récords. A primeira efeméride consistiu en seducir ao tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, para que participase na carreira popular; e a segunda pon de manifesto que, mesmo en períodos de pandemia, os pontevedreses son quen de rachar tódalas marcas de solidariedade: a proba celebrada o pasado 31 de decembro recadou 2,3 toneladas de alimentos e produtos non perecedoiros achegados polos seus participantes na tradicional recollida solidaria.


Un récord histórico nun ano no que a ‘clásica’ tivo que renunciar novamente por mor da Covid-19 á súa espectacular saída masiva na avenida de Montero Ríos e no que volveu reinventarse nunha versión que se trasladou do centro ao contorno natural da Xunqueira de Alba e na que se organizaron saídas de grupos dun máximo de 150 persoas. Os alimentos recollidos foron entregados esta mesma mañá ao Banco de Alimentos de Pontevedra e Vigo (no almacén situado na rúa Faustino Santalices), nun acto no que participaron o responsable da entidade, José Luis Doval; o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández; a presidente da Sociedade Ximnástica, Charo Castro, e o director da proba, Víctor Riobó.


Tal e como salientou Tino Fernández, “en Pontevedra somos campións en organizar eventos deportivos e tamén o somos campións en ser solidarios dentro deses eventos, recollendo neste caso máis de 2.300 kilos de alimentos non perecedoiros que chegarán ás familias que máis o precisan e agardando ademais recoller algúns máis nos vindeiros días”. “A Concellería de Deportes -sinalou o socialista- quere agradecerlles aos veciños e veciñas de Pontevedra que sexan tamén exemplares á hora de axudar aos máis necesitados”.

Víctor Riobó puxo de manifesto a súa ledicia polo resultado da organización do evento, “que foi un éxito total”, e polo apartado solidario, “que sempre foi unha parte moi importante desta San Silvestre e que este ano tivo unha boísima acollida”. Segundo explicou o director da carreira, “unha condición indispensable para recoller a camiseta conmemorativa era a de levar cando menos un kilo de alimentos e a verdade é que a xente respostou moi ben”. “Dado que sempre facemos un número de camisetas superior ao de participantes previstos, a campaña aínda segue adiante -apuntou Riobó- e tentaremos liquidalas todas nas vindeiras dúas semanas. Quedaron arredor dunhas 300, moitas delas de persoas que se inscribiron e que finalmente non puideron correr, xa fora por confinamento ou por outros motivos”.


José Luis Doval amosouse “encantado”, xa que no Banco de Alimentos “non agardabamos esta recollida tan extraordinaria, de case dúas toneladas e media de alimentos, que lle agradecemos á Sociedade Ximnástica e á Concellería”.