O Cides atendeu o ano pasado 60 consultas LGTBI máis que en 2020, un 59% das cales foron acompañamentos ou orientacións especializadas

22
  • Os participantes nos dous Grupos de Apoio postos en marcha en 2021 aseguran ter recibido ferramentas que poden aplicar no seu día a día e salientan o apoio emocional recibido nas sesións
  • A edil de Igualdade, Yoya Blanco, destaca a consolidación do centro coordinado por Ada Otero “como referente nacional LGTBI”, pois ata 25 colectivos e institucións o contactaron en 2021

O Centro de Información en Diversidade e Sexualidade (Cides) de Pontevedra púxose en marcha neste mandato como un instrumento para proporcionar un servizo especializado a profesionais e cidadáns en xeral, pertenzan ou non ao colectivo LGTBI, respostando así ao baleiro formativo existente neste eido no currículo educativo e converténdose en faro de referencia na reivindicación da diversidade e a loita contra os prexuízos. Os datos recabados na memoria anual do Cides amosan que o Centro dependente da Concellería de Igualdade e coordinado pola licenciada en Dereito e activista trans Ada Otero poñen de manifesto a crecente demanda deste tipo de asistencia no seo da sociedade pontevedresa e galega: o servizo atendeu en 2021 un total de 93 consultas, 60 máis que as 33 rexistradas en 2020 (o que supón un incremento do 182%), unha cifra á que hai que sumar ás 16 persoas que participaron nos dous Grupos de Apoio LGBTI postos en marcha durante o pasado ano.

A meirande parte dos contactos, ata 55 (un 59%), foron solicitudes de acompañamento ou orientación persoal especializados, achegando axuda e resolucións de dúbidas que requirían de respostas longas e, en moitos casos, con apoio e seguimento do usuario; 25 (un 27%) estiveron relacionados con institucións, asociacións ou entidades que se comunicaron co Cides para construír canles de participación e colaboración mutua, organización de actividades…; 10 (un 11%) vencelláronse a axudas con datos e revisión de traballos, un servizo que se materializa na recepción de artigos, curtas e calquera outra creación sobre temática LGTBI coa finalidade de asegurar un tratamento axeitado na linguaxe e na información exposta, así como na orientación a aquelas persoas que adican o seu traballo de fin de grao ou máster a esta temática; 2 foron dúbidas sinxelas de usuarios que plantexaron cuestións moi concretas, e unha referida a información de eventos LGTBI e voluntariado.

Á marxe da evolución da pandemia, o ‘boca a boca’ e o cada vez maior grao de coñecemento do Cides, este notable incremento no número de consultas explícase en boa medida polas sinerxías acadadas con outros sectores e profesionais, xa que, como sinala Ada Otero, “hai moitas persoas que viñeron dalgún psicólogo da Seguridade Social ao que formei e que sabe que pode remitilos aquí para que reciban máis axuda, e o mesmo acontece co Centro de Información á Muller (CIM), os médicos de cabeceira, as traballadoras sociais…”.

Dúbidas sobre identidade, hormonas ou como saír do ‘armario’

En opinión da concelleira de Igualdade, Yoya Blanco, ademais de consolidar ao Cides “como referente nacional LGTBI, cun aumento moi importante de institucións e traballadores públicos que o contactaron en 2021 para establecer colaboracións e buscar formación sobre temáticas específicas (sendo á relacionada co colectivo trans a máis solicitada), os datos poñen de manifesto que “a maioría dos usuarios que acoden a este centro non o fan para dúbidas de resposta rápida, senón para consultas que requiren dunha orientación ou acompañamento”. “Trátase de dúbidas sobre a súa identidade, búsqueda de consellos para saír do ‘armario’, información sobre tratamentos hormonais, cuestións xurídicas… O tempo adicado a cada un deles foi moi variable en función das súas necesidades, chegando incluso a tres horas seguidas e a cantos días foran precisos”, aclarou a edil socialista.

Para Blanco, “a solicitude de axuda por parte de estudantes que fan traballos de investigación e que ademais teñen a vontade de achegar a diversidade LGTBI aos seus respectivos campos tamén é algo a destacar, tanto no que se refire a traballos de fin de grao e máster como á búsqueda de formación para compañeiros de profesión”. Ao seu xeito de entender, “supón ademais un rotundo éxito que haxa incluso persoas usuarias que se teñan achego ao Cides por recomendación do seu médico de cabeceira, o que implica non só que o coñecemento da súa existencia como servizo sexa cada vez máis estendida, senón que cumpre co seu obxectivo de apoiar e atender á cidadanía, pero tamén aos profesionais que o precisan”.

Yoya Blanco lembra que “a insuficiente información sobre temas LGTBI quedou corroborada nos resultados dunha recente enquisa realizada na comunidade educativa a través do programa Pinto e Maragota, na que se amosa un enorme descoñecemento sobre temas básicos de diversidade e sexualidade: case o 50% dos participantes descoñecían o significado das siglas LGTBI, outro 50% a aplicación dos protocolos para persoas trans e un 54% aseguraba precisar máis informacións sobre estes asuntos”.

A necesidade dos Grupos de Apoio, ratificada nunha enquisa 

A concelleira de Igualdade salienta ademais o desenvolvemento durante o pasado ano dos Grupos de Apoio LGTBI, “cuxa aceptación e valoración quedou refrendada a través dunha enquisa interna contestada por 12 dos 16 asistentes (formáronse dous grupos de oito persoas) e na que o 100% deles manifestaron que estas sesións lles axudaron a nivel anímico e emocional, lles proporcionaron ferramentas para aplicar no seu día a día, aumentaron a súa formación e comprensión sobre a realidade LGTBI, se converteron nun espazo no que sentirse cómodos e no que se trataron temas interesantes e estiveron ben dinamizadas pola súa coordinadora, Ada Otero, que por certo recibiu unha puntuación de 5 puntos sobre 5”. “Hai que resaltar que, grazas a estes Grupos de Apoio celebrados os xoves, a raíz das temáticas tratadas e da confianza gañada polos participantes á hora de expresarse, algunhas das persoas que formaban parte deles volveron solicitar citas persoais de acompañamento. Un 66,7% dos enquisados opina que os Grupos de Apoio merecen unha puntuación xeral de 5 sobre 5 e un 33,3% de 4”.

O Cides presta servizo nunha oficina ubicada na Praza de José Martí (no mesmo edificio no que se atopa o CIM), permanecendo aberto os mércores, xoves e venres en horario de 16:30 a 20:00 horas. Non obstante, o servizo foise adaptando ás necesidades concretas e o whatsapp, nun 29% dos casos, o correo electrónico, nun 21%, e a chamada telefónica, nun 18%, foron os medios máis empregados en 2021 para contactalo, sendo a atención presencial dun 16% e empregándose a súa conta de Instagram nun 14% dos casos (a de Twitter só nun 2%). Ada Otero lembra que o teléfono de contacto para chamadas e whatsapp é o 676 09 73 39, mentres que a dirección de Facebook, Instagram e Twitter é @CIDESpontevedra.

Entre os servizos prestados polo Centro de Información en Diversidade e Sexualidade de Pontevedra inclúense:

  • Resolución de dúbidas e información xeral: xa sexa de forma presencial ou telemática, o Cides recibe todo tipo de consultas e dúbidas sobre calquera cuestión en materia de sexualidade básica e diversidade. Non se limita a dar respostas, senón tamén a ofrecer recursos e outras fontes de información que poderían ser útiles para a persoa usuaria.
  • Lectora sensible LGTBI: unha demanda bastante reiterada por parte do colectivo LGTBI é a relativa á falta de formación por parte de persoas que producen contidos relacionados coa realidade LGTBI: artigos de prensa, material audiovisual… Desde o Cides ofrécese a posibilidade de que calquera persoa poida solicitar datos sobre estes temas ou directamente unha revisión do contido para asegurarse de que ten información e unha linguaxe correcta e actualizada. 
  • Apoio e orientación: tal e como apunta Ada Otero, “moitas veces non precisamos dun psicólogo, senón dalguén que nos escoite e, sobre todo, que nos comprenda, o que en temas tan específicos non é sinxelo de atopar”. Desde o Cides se proporciona unha man amiga para poder facer fronte a tódalas problemáticas que se poden atopar as persoas LGTBI, en sesións individuais ou colectivas. 
  • Centro de enlace e promoción da diversidade: o Cides establece redes de cooperación con distintas institucións, asociacións e profesionais, de tal forma que se poidan coordinar diferentes actuacións e dar un mellor servizo ás persoas usuarias. Tamén participa en eventos que axudan á divulgación e promoción da diversidade.