A Placemaking Europe Week fixará esta semana a súa temática global cunha reunión entre Concello e xunta directiva

40
Mellorar a calidade de vida no barrio de Monte Porreiro será un dos asuntos locais que se tratarán na cita internacional a través das propostas das expertas convidadas
A cita internacional ten previstas a súa celebración durante o mes de setembro deste ano

A portavoz do Goberno e concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías, deu conta esta mañá dalgunhas novidades arredor da Placemaking Europe Week 2022, evento do que será sede a Boa Vila este mesmo ano.

«É un dos congresos máis importantes do mundo dentro do deseño urbano e terá lugar en Pontevedra. Unha cita imprescindíbel», lembrou a edil, que informou da realización dunha xuntanza, este martes 11 de Xaneiro, coa directiva da entidade organizadora, Placemaking Europe, co obxectivo de definir o tema global do evento. «Coido que hai perfecta sintonía para que sexa entorno a cuestións medioambientais e como dende as cidades temos capacidade e responsabilidade para mudar as nosas realidades e lograr cidades máis amábeis e máis sustentábeis, en definitiva, máis xustas». Será unha xuntanza telemática, se ben a concelleira de Promoción da Cidade non descarta a realización dunha reunión, nun breve prazo de tempo, na propia vila.

Durante a reunión deste martes é previsible que queden fixadas as temáticas locais, aquelas que serán tratadas de xeito específico ao ser Pontevedra a sede da Placemaking Europe Week. Nese sentido, un dos temas xa adiantados con anterioridade continúa sobre a mesa, que é a mellora do barrio de Monte Porreiro, á hora de coñecer e ver as propostas de expertos e expertas en urbanismo para este espazo e aumentar a calidade de vida neste barrio. Porén, quedan por definir os outros puntos. 

Entre os membros da xunta directiva aparecen nomes de diversos países, vinculados a consultoras, entidades sociais e política. De tal xeito, o grupo directivo está conformado hoxe en día por Jeroen Laven, Levente Polyak, Vivian Doumpa, Laska Nenova, Fredrik Lindstål, Ronald Huikeshoven e Ramón Marrades.

A Placemaking Europe Week 2022 continúa avanzando na súa organización e mantén a data de celebración para este ano, que acontecerá durante o mes de setembro. «Gústanos que Pontevedra sexa o centro de debate e coidamos, que humildemente, sexa por iniciativas como a Facultade Ágora ou con propostas como Urbtopías, estamos a transformar Pontevedra nun lugar onde os prescritores de deseño e mobilidade urbana deben pasar ao ser unha cidade de obrigada visita neste eido. Seguiremos traballando nesa liña», finalizou Gulías.