Concello e CSIC colaboran na instalación dunha exposición a pé de rúa para celebrar o centenario da Misión Biolóxica

37
A idea e achegar as investigacións e a historia do centro até a veciñanza da Pontevedra, ademais dos seus retos futuros, a través dunha mostra que será inaugurada este venres 14 de xaneiro
A pandemia adiara esta actividade, que pretende visibilizar a existencia dun centro con recoñecementos internacionais polos seus estudios e instalacións

A Misión Biolóxica de Galicia achegará a súa historia até as rúas da cidade a través dunha exposición co galo do centenario da súa fundación, que ve continuar a súa celebración este 2022.

A Misión Biolóxica de Galicia (MBG-CSIC) foi creada en abril de 1921 pola Xunta de Ampliación de Estudos e Investigacións Científicas, presidida polo Premio Nobel Santiago Ramón e Cajal. Situouse orixinariamente na Escola de Veterinaria de Santiago de Compostela, baixo a dirección de Cruz Gallástegui. En 1927, a MBG trasladouse á súa localización actual na parroquia de Salcedo. A MBG ocupa unha leira e tres edificios coñecidos como Pazo de Gandarón que orixinalmente pertenceron ao Arcebispo Malvar e desde principios do século XX pertencen á Deputación Provincial de Pontevedra, que cede o seu uso na actualidade.

«A Misión Biolóxica, neste momento, é o centro de investigación agrario máis antigo de todo o estado español. Xa fixeran algunhas actividades no ano 2021, mais quedaran adiadas algunhas por culpa da pandemia», explicou o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, que expresou o obxectivo por parte do Concello de «apoiar e visibilizar a existencia deste gran centro de investigación, de darllo a coñecer a cidadanía e de ampliar a proxección pública, especialmente en centros de ensino, de todos os traballos que se están a facer neste lugar».

O alcalde destacou que algúns destes traballos e estudios teñen como fin a mellora xenética de moitos produtos que coñecemos, coma o millo ou o castiñeiro. «Compartimos esta idea de dar a coñecer o que fan e o que teñen, como o seu gran banco de especies, a disposición do país, e queremos que se lle poida sacar a máxima rendibilidade».

O venres, 14 de xaneiro, a exposición será inaugurada no Paseo de Antonio Odriozola para que toda a veciñanza poida visitala e coñecer tras máis de 80 persoas que traballan, neste intre, na Misión Biolóxica de Galicia. 

Sobre a exposición, Pedro Peón, encargado da mesma e vicedirector técnico de internacionalización, transferencia e difusión da MBG; sinalou que a mostra estará composta por tres cubos que tocan tres épocas: 

  • O pasado, un pequeno resumo desde o nacemento da MBG até case a actualidade, unha evolución e percorrido histórico
  • O presente, a MBG hoxe. Presenta os oito grupos de investigación que compoñen esta entidade hoxe e os seus principais estudios.
  • O futuro, cos desafíos que aparecen no horizonte da MBG, como as preocupacións pola biodiversidade xenética en xeral e mesmo algúns dos obxectivos de desenvolvemento sostible redactados pola ONU. 

«A intención da MBG é que estra actividade sexa unha primeira actividade para incrementar o coñecemento da cidadanía sobre o centro de investigación polos seus cen anos», comentou Peón. «Seguiremos realizando actuacións nas que a veciñanza sexa a parte fundamental delas».

Pola súa banda, Elena Cartea, directora da Misión Biolóxica de Galicia, comentou a satisfacción e a responsabilidade que supón a celebración destes cen anos de historia xa que «non se cumpren todos os días». A directora lembrou que a pandemia atrasou a celebración e as actividades pensadas, sendo a exposición unha delas, e que agarda seguir poder contribuíndo á gandería e a agricultura de Galicia, obxectivo co que naceu a MBG, e que evolucionou a través das ciencias e a biotecnoloxía. 

«É unha mágoa como investigadora e como persoa que lle quere a Misión Biolóxica que moita xente da cidade de Pontevedra non sabe aínda que estamos alí», recoñeceu Cartea. «Falamos dela e a xente pensa que está en Lourizán, pérdese… Somos un centro de referencia que a nivel nacional e internacional facemos investigacións de gran relevancia, pero é unha débeda pendente a relación que temos coa cidadanía local. Por iso neste centenario, amais de celebrar outras tarefas máis académicas, a nosa idea era achegar quen somos, que fomos e que que faremos facer no futuro; a toda a cidadanía de Pontevedra».