A Concellería de Benestar Social tramita a súa incorporación á Historia Social Única Electrónica (HSUE)

29

O Concello de Pontevedra remitiu esta mañá á Xunta de Galicia o formulario de solicitude que permitirá a adhesión do Servizo de Benestar Social ao convenio entre a Administración autonómica e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para a implantación da Historia Social Única Electrónica (HSUE). Segundo constata o concelleiro socialista Marcos Rey, “unha vez que a Xunta remita de volta o documento e o alcalde estampe a súa sinatura, a incorporación xa sería inmediata”, permitindo unha actualización tecnolóxica, unha optmizacion de recursos e unha axilización do traballo que desenvolven as traballadoras sociais municipais, “que terán acceso integral e inmediato ao conxunto de información e documentos en formato electrónico dos datos, valoracións e informacións sobre a situación e evolución das persoas usuarias do sistema galego de servizos sociais, así como a identificación dos profesionais e dos servizos ou prestacións que interviron sobre estas”.

Para facelo posible, a Xunta e a Axencia de Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) desenvolveron unha plataforma que permite que as traballadoras sociais introducir datos e obter información sanitaria, laboral, social, que lles axudará a trazar o perfil social dunha persoa e elaborar dun xeito áxil e eficaz os correspondentes informes. A ferramenta permite que os profesionais dos servizos sociais dispoñan dunha visión global e integrada de toda a información social do usuario/a, que terá tamén máis sinxelo o acceso ao seu expediente, e facilita a coordinación entre tódolos axentes que participan na prestación de servizos sociais.


Non obstante, o Concello de Pontevedra dispón dunha aplicación desenvolvida por Imatia Innovation SL, que posibilita que as traballadoras sociais se conecten e accedan directamente ao programa Cividas e á HSUE. Esta aplicación xa se está a empregar a outros concellos como Santiago, Vigo ou Vilagarcía. Marcos Rey asegura que será de gran utilidade para facilitar xestións como a tramitación das Axudas de Emerxencia.


A HSUE deberá ser única por persoa usuaria do sistema galego de servizos sociais na Comunidade Autónoma e fará referencia á identificación do usuario e dos profesionais, as valoracións técnicas no ámbito dos servizos sociais, as hipotéticas intervencións sociais e o posible seguimento do caso. En particular, incluirá os aspectos relacionados coas necesidades de atención, os programas, servizos e/ou prestacións que percibe a persoa usuaria e a información da que se dispón necesaria para decidir a modalidade de intervención máis axeitada.


En tódolos casos, quedará plenamente garantido o dereito da persoa usuaria á súa intimidade persoal e familiar, polo que o persoal que acceda a calquera dato gardará o correspondente segredo profesional.