Benestar Social súmase ás iniciativas de concienciación sobre a enfermidade de Perthes iluminando o Consistorio de cor verde esmeralda e visibilizando o exemplo do pequeno Hugo Couto, xogador do CAB Pontevedra

80

A fachada da Casa Consistorial tinguirase de cor verde esmeralda na noite do vindeiro luns 17 de xaneiro, Día de Concienciación da Enfermidade de Perthes, co obxectivo de visibilizar e dar a coñecer esta patoloxía de orixe descoñecido (unha necrose avascular na cabeza do fémur causada pola falta de rego sanguíneo), así como de enviar unha mensaxe de apoio ás familias dos nenos afectados e aos adultos que sofren as súas secuelas. No marco desta iniciativa, na que a Concellería de Benestar Social colabora coa Asociación de Familias con Perthes (Asfape), o edil socialista Marcos Rey asistirá mañá pola tarde no Pavillón Príncipe Felipe ao adestramento do Club de Amigos do Baloncesto de Pontevedra (CAB Pontevedra), equipo no que xoga Hugo Couto Lois, un pequeno ao que lle foi diagnosticada a enfermidade de Perthes na cadeira esquerda a raíz dunha coxeira.


“Queremos darlle visibilidade pública a esta doenza, transmitirlles forza ás familias e felicitar a Hugo, este rapaz tan valente, por seren un exemplo de loita para todos. O seu exemplo merece o noso recoñecemento, posto que xa leva dúas operacións, aínda lle falta unha terceira no mes de xuño e pasou de non poder camiñar a xogar ao baloncesto”, asegura o concelleiro de Benestar Social.


A enfermidade de Legg-Calvé-Perthes, descrita cara 1910 polo inglés Legg, o francés Calvé e o alemán Perthes, afecta aproximadamente a 1,5 de cada 10.000 rapaces, sendo polo tanto unha enfermidade rara. Preséntase máis en varóns (4 nenos por cada nena), en idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos, pero cunha maioría de casos entre 6 e 8 anos. Aínda que xeralmente afecta a unha das cadeiras, pero ser tamén bilateral nun 10-15% de casos, e non no mesmo momento.

A Asfape naceu en 2014 para sensibilizar e difundir a realidade e as necesidades das familias afectadas.
O 17 de xaneiro de 1869 naceu en Alemania George Perthes e desde 2016 estableceuse esa data como Día da Concienciación da Enfermidade de Perthes.

O CAB Pontevedra faise eco da loita de Hugo Couto na súa conta de Instagram:

https://www.instagram.com/p/CYmpM0sMeR6/?utm_medium=copy_link