A dobre campioa olímpica rusa Vlada Chigireva protagonizará esta fin de semana o Clinic Cidade de Pontevedra de Natación Artística

139
  • O curso intensivo desenvolverase na piscina de Pontemuíños e está especialmente pensado para adestradoras da modalidade, aínda que tamén se dará acceso a deportistas nas últimas horas
  • O Pazo da Cultura acollerá unha mesa redonda na que intervirán a propia nadadora, Tino Fernández, o cónsul honorario de Rusia, Pedro Mouriño, e o presidente da Fegan, Carlos Touriño

A ‘serea’ rusa Vlada Chigireva, campioa olímpica en Río 2016 e Tokyo 2020 e gañadora de 26 ouros en campionatos mundiais e europeos nos últimos 12 anos, protagonizará esta fin de semana na piscina de Pontemuíños e o Pazo da Cultura o Clinic Cidade de Pontevedra de Natación Artística, organizado pola Concellería de Deportes e o Club Galaico Sincro coa axuda técnica de Atlantic Meet e a colaboración da Fundación Rías do Sur. Este curso intensivo está especialmente pensado para as adestradoras da disciplina, de xeito que poidan aproveitar a oportunidade de contactar cunha das mellores escolas do mundo, aínda que tamén se dará acceso nas dúas últimas horas do domingo 16 a tódalas/os deportistas dos clubs de natación artística de Pontevedra e Galicia, así como a unha pequena representación portuguesa (as invitacións foron baremadas en función do aforo e do número de licencias federativas, tendo en conta a situación pandémica actual).

O programa do Clinic distribuirase do seguinte xeito:

  • Mañá, sábado 15 de xaneiro, de 10:00 a 14:00 horas, na piscina de Pontemuíños: Vlada Chigireva estará coas adestradoras dos clubs da cidade, as dos equipos galegos e a Federación Portuguesa de Natación. Tamén participarán unha selección de nenas galegas; as bolseiras do Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD) e o grupo de seguimento da Federación Galega de Natación (coa directora técnica, Sandra Montes).
  • O domingo 16 de xaneiro, de 10:00 a 14:00 horas, na piscina de Pontemuíños: as dúas primeiras horas terían a mesma dinámica e as dúas segundas (de 12:00 a 14:00 horas) participarían outros nenos e nenas dos dous clubs da cidade dirixidos por Chigireva. 
  • Nesta mesma xornada do domingo, de 17:00 a 19:00 horas, no Pazo da Cultura: celebración dunha mesa redonda protagonizada pola medallista rusa e na que están previstas as intervencións do tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández; a responsable da Área de Natación Sincronizada da Federación Galega de Natación (Fegan), Belén Álvarez; a directora técnica de Sincronizada da Fegan, Sandra Montes, e o cónsul honorario da Federación Rusa en Galicia, Pedro Mouriño. O relatorio de Chigireva, no que falará da súa vida e experiencia, estará aberto á formulación de preguntas por parte dos asistentes.

Unha relación de amizade coa adestradora rusa ‘fichada’ polo Galaico

O evento foi presentado esta mañá no Concello de Pontevedra nun acto no que Tino Fernández estivo acompañado polo presidente do Club Galaico Sincro, José Maquieira, e pola adestradora do equipo pontevedrés Diana Fernández. Tal e como explicou o edil socialista, “esta masterclass, que supón unha oportunidade absolutamente única para Pontevedra e Galicia, comeza a xestarse a raíz da recente incorporación dunha adestradora e ex nadadora de nacionalidade rusa, Victoria Bogma, por parte do Galaico Sincro”. Á marxe do salto de calidade que este fito supuxo, Bogma foi alumna da nai de Vlada, Irina Chigireva, e tamén adestrou coa propia Vlada (na cidade de Rostov), unha relación de amizade que permitiu organizar este Clinic e abrir de par en par as portas das relacións do club e da cidade con profesionais da mellor escola do mundo de natación artística.

En opinión do tenente de alcalde, contar en Pontevedra cunha deportista de “nivel estratosférico” e referente mundial da natación artística como Chigireva significa que a nosa cidade “ten moito que dicir no ámbito de deporte nacional e internacional”, que as rapazas que participarán no Clinic “van ter diante á mellor do mundo, o que suporá un salto de mellora técnica moi importante”, e “un estímulo para que aqueles que estean interesados en practicar algún deporte valoren a posibilidade de inscribirse e de participar na natación artística, ao ver que somos tamén referente nesta disciplina”. 

O presidente do Club Galaico Sincro lembrou que Vlada Chigireva ten só 26 anos, o que a converte na terceira compoñente máis moza do equipo ruso de natación artística, “que é o top da sincronizada e que leva 21 anos gañando a medalla de ouro olímpica coa famosa Svetlana Romashina á cabeza”. “Aínda que se trata dun deporte minoritario en Pontevedra, a natación artística estanos a dar moitas alegrías durante todos estes anos. No club temos unha nadadora que está convocada pola Selección Nacional Infantil (Daniela Suárez), que participou en diversas probas e que asistiu recentemente a un clinic coa Real Federación Española de Natación. Ademais, vimos de incorporar no equipo tamén, por fin, a tres nenos, o que nos dá moita ledicia, xa que permite potenciar a participación masculina nesta disciplina”, subliñou José Maquieira.

Ao seu xeito de entender, a presenza de Vlada Chigireva “vai supoñer un salto de calidade na natación artística galega”, xa que “nos ensinará cousas novas, outros xeitos de traballar e, o que eu considero máis importante, que as nenas vexan en persoa meterse na auga e nadar a unha nadadora de 26 anos é igual que elas, de carne e óso, que non ten tres brazos ou catro pernas”.