Anxo G. Guerra, Vitoria Ogando Valcárcel e o Club Tenis de Mesa Monte Porreiro, Premios Cidade de Pontevedra 2021

71

Os premios serán entregados o vindeiro 20 de xaneiro, nun pleno de honra que se celebrará no Teatro Principal ás 13.00 horas

O Xurado dos Premios Cidade de Pontevedra acordou entregar os galardóns relativos ao ano 2021 aos profesores xa xubilados Anxo González Guerra e Vitoria Ogando Valcárcel ex æquo na categoría de persoa física, e ao Club Tenis de Mesa Monte Porreiro, na categoría de persoa xurídica. En ambos os dous casos a decisión do Xurado foi unánime.

A presidenta do xurado e concelleira de Cultura, Carme Fouces, sinalou a felicidade e satisfacción acadada grazas á unanimidade lograda á hora de escoller os galardoados desta edición. «Foi unha situación amable, seguindo as bases destes premios, deseñados para que todas as persoas, asociacións, prensa e organizacións políticas poidan estar de acordo en algo tan importante como son estes premios, que representan a toda a cidade», explicou.

Fouces recoñeceu a importancia e valor de todos os nomeados nesta edición «moi potentes e que calquera de todas as candidaturas sería moi merecedora do Premio Cidade de Pontevedra, o que demostra o pulso social e o dinamismo que ten a Boa Vila».

O Club Tenis de Mesa Monte Porreiro foi o premiado na categoría de persoa xurídica, mais a concelleira de Cultura fixo fincapé na idea de que, se ben era a única candidatura para esta modalidade «que ninguén pense que se vota por exclusión ou porque non hai máis remedio» xa que «o Club Tenis de Mesa Monte Porreiro e un enorme merecedor dos premios Cidade de Pontevedra porque o traballo que leva feito ao longo dos últimos anos, a súa proxección internacional lograda no último ano, e todo o que aportou ao deporte de base e competición xustifica a súa elección».

Na modalidade de persoa física, Anxo González Guerra e Vitoria Ogando Valcárcel logran o Premio Cidade de Pontevedra ex æquo. «Alén do consenso unánime que os leva a ser galardoados co premio, Anxo e Vitoria forman parte destra sociedade e cidade desde hai corenta anos, sempre amosando un esforzo enorme polo ensino e a mellora da nosa lingua como dá boa conta disto a plataforma ogalego.eu», sinalou Fouces. «Por suposto, as outras candidatas, Carmen Quinteiro e Nené, eran grandes merecedoras tamén do Premio Cidade de Pontevedra, mais este ano irá para Anxo e Vitoria».