A Asociación Galega de Viticultura realiza un primeiro contacto coas viñas e cepas de Santa Clara

31
A agrupación sinala que sería interesante facer un seguimento e estudo das vides co obxectivo de identificar as variedades que medran nos xardíns do antigo convento
O presidente da asociación, Roberto Rivas, non descarta a posibilidade de atopar entre as cepas «algunha das xoias desaparecidas na viticultura galega»

A Asociación Galega de Viticultura fixo a súa primeira incursión en Santa Clara esta mañá de venres, 14 de xaneiro, acompañada polo concelleiro de Patrimonio Histórico, Xaquín Moreda. O obxectivo básico era realizar un primeiro contacto coas viñas que medran nos xardíns do antigo convento perante a idea de poder identificar, nun futuro próximo, o tipo de variedades que medran neste espazo.

A agrupación, representada polo seu presidente Roberto Rivas e por un dos seus membros, Iván Bello; comentou o interesante que é poder realizar este primeiro achegamento, a ollo, á hora de entender e coñecer as cepas do lugar. Rivas explicou que estas levan varios anos abandonadas, polo que habería que facer un traballo de poda e rexeneración cun obxectivo claro en mente: «saber o que temos aí».

Co visto hoxe, ao longo da visita, o presidente da asociación comentou que podía sacar algunha conclusión breve mais nunca definitiva. «Realmente poderíamos falar dun traballo urxente e importante, pois ao mellor atopamos aquí, entre as cepas de Santa Clara, algunha das xoias desaparecidas na viticultura galega. Variedades en Galicia temos moitísimas, pois unha das poucas cousas boas do afastamento galego de cara a outros territorios é que aquí nunca chegaron as variedades francesas, e seguimos a traballar coas autóctonas».

Que variedades pode haber en Santa Clara? Rivas é cauto e prefire non dar unha conclusión precipitada sen ter a viña rexenerada, con follas e demais elementos identificativos, porén si comentou que podería haber trazas identificativas nalgunhas das vides, podendo ser algunha delas albariña, mencía ou catalá, pero «é simplemente facer predicións ao non termos un estudo das cepas».

O presidente da asociación comentou que o proceso a realizar para saber con exactitude que variedades agocha Santa Clara pasaría primeiro por unha poda rexenerativa, logo viría a realización dun seguimento durante toda unha campaña para ver que tipo de uva dan e, no caso de seguir con dúbidas unha vez vista a folla e visto o froito, debería ser realizada unha analítica xenética» que aportaría unha resposta definitiva.