As obras do Teatro Principal comezarán 
o 24 de xaneiro

45
A programación cultural deste espazo municipal quedará suspendida até o remate das actuacións, que inclúen a reforma e construción de novos aseos, a instalación dun ascensor, o reforzo estrutural da zona superior e a mudanza de todo o sistema de iluminación
O proxecto conta cun orzamento de 438.478,34 euros e ten un prazo de execución de tres meses

A portavoz do Goberno, Anabel Gulías, aproveitou a comparecencia desta mañá de luns, 17 de xaneiro, para dar conta dos asuntos tratados na Xunta de Goberno celebrada a primeira hora, máis tamén para informar do comezo «inminente» das obras do Teatro Principal.

As actuacións previstas no Principal, que contan cun orzamento de 438.478,34 euros, están divididas en dous lotes, co primeiro destinado a todas as reformas relacionadas coa accesibilidade do edificio. Así, serán reformados os aseos da planta baixa para adaptar o seu uso a persoas de toda condición, incluíndo persoas ostomizadas. Doutra banda, será instalado un ascensor no vestíbulo principal que dará acceso a todo o edificio, desde a planta -1 até o 3º andar. Ademais, a terceira planta pasará a contar cuns novos aseos, e tamén será realizado un reforzo estrutural da parte superior de acceso, na zona técnica, que vén sufrindo o calor dos focos ao longo de todos estes anos.

O segundo lote é o que permitirá mudar toda a iluminación do escenario, o que suporá un aforro enerxético do 90 % respecto dos focos actuais, e abrirá as portas a unha luminaria máis moderna e efectiva, con focos máis precisos para os técnicos e unha fonda melloría nas actuacións dos artistas.

As obras contan cun prazo de execución de tres meses, polo que o Concello estima en recuperar a actividade no Teatro Principal durante a primavera, cara a finais de marzo ou abril. Porén, namentres duren as obras non serán realizadas actividades culturais e de ocio no edificio municipal. Todas as citas xa programadas recibiron ofertas para o seu traslado a outros puntos da cidade como o Pazo da Cultura.

Os dous lotes de actuacións serán realizados asemade, coa idea de axilizar o máximo posíbel o seu avance e finalización, dentro das posibilidades e problemáticas habituais que aínda lastra a pandemia provocada pola Covid-19.