Os nenos do CEIP A Carballeira (Lourizán) somérxense no pasado do seu colexio a través do mural de O Teu Cole na Historia

119

O tenente de alcalde e concelleiro de Educación, Tino Fernández, desprazouse esta mañá ata o CEIP A Carballeira (Lourizán) para presentar o primeiro dos obradoiros divulgativos organizados polo seu departamento no marco do proxecto O Teu Cole na Historia, desenvolvido en colaboración coa firma creativa Polo Correo do Vento. O taller, impartido polos artistas Kike Mauricio e Carlos Taboada e mailo músico Antón Ke, incluíu narración oral, debuxo e música en directo e xirou en torno ao fermoso mural que Mauricio e Taboada realizaron neste colexio en novembro do ano pasado (protagonizado polas mariscadoras, o Pazo de Lourizán, a Illa de Tambo e o trolebús).


Deste xeito, unha vez que se remataron intervencións artísticas coas personaxes, contornos naturais e elementos patrimoniais que definen a identidade dunha vintena de centros educativos de Pontevedra, ponse en marcha unha segunda fase do proxecto, na que os obradoiros permitirán ao alumnado de Educación Infantil e 1º ciclo de Primaria destes centros afondar na súa historia. Tino Fernández subliñou que a intención do programa é a de xerar “un itinerario educativo e cultural na que os rapaces coñezan non só o pasado, patrimonio, contorno natural e figuras célebres vencellado aos seus respectivos colexios, senón tamén os dos demais centros participantes”.


Neste sentido, a Concellería de Educación xa comezou a distribuír uns folletos cun mapa nos que aparecen tódolos murais realizados ata a data. En concreto, os centros educativos que contan con intervencións de O Teu Cole na Historia son os CEIP Praza de Barcelos, Daría González, A Xunqueira I, A Xunqueira II, Álvarez Limeses, Froebel, Parada-Campañó, Cabanas (Salcedo), Ponte Sampaio, San Martiño (Salcedo), San Benito de Lérez, Manuel Vidal Portela, Santo André de Xeve, A Carballeira, Vilaverde e Marcón; os CEP Campolongo e Marcos da Portela, e as EEI Fina Casalderrey, Crespo Rivas e Verducido.


Nun primeiro lance do obradoiro e sempre coa peza pictórica como referencia, Polo Correo do Vento e Antón Ke contaron a historia do colexio, narrando que había antes, o seu patrimonio material (dentro do CEIP A Carballeira podemos atopar gravados rupestres coñecidos como o petróglifo de Comboa / A Carballeira) e inmaterial, quen fixo un traballo de relevo na zona, ou  por que se chama así o centro… Na segunda parte do taller desenvolveuse unha actividade de debuxo cos pequenos.


O mural do CEIP A Carballeira inspírase no excepcional contorno no que se atopa este colexio, cun recinto que conta cunha pedra que atesoura gravados rupestres e desde a que se poden albiscar a ría de Pontevedra e a fermosa Illa de Tambo, recollendo a mesma vista que pintara no seu día Ovidio Murguía e cantara Filomena Dato desde o Pazo de Lourizán. As mariscadoras tamén son protagonistas desta obra, ao igual que a Estación Fitopatolóxica do Areeiro, todo baixo a atenta ollada dun corvo mariño. Como colofón da mesma, hai tamén unha lembranza para o trolebús que unía Pontevedra e Marín.