Os pequenos do CEIP Plurilingüe San Benito de Lérez coñecen a realidade dos cans abandonados nunha charla organizada por Benestar Animal e Os Palleiros e protagonizada pola cadeliña Enda

607

O concelleiro de Benestar Animal, Marcos Rey, achegouse esta mañá ata o CEIP Plurilingüe San Benito de Lérez para asistir á primeira das charlas organizadas polo seu departamento en colaboración co colectivo Os Palleiros co obxectivo de sensibilizar e concienciar aos máis pequenos sobre as consecuencias do abandono de cans e a importancia dunha adopción responsable. O taller, impartido polas responsables do colectivo Gloria Cubas e Kely Bello a dous grupos de alumnos do centro (un de 20 nenos e nenas de 4 anos e outro de 19 rapaces de 3º curso), enmárcase dentro do proxecto ‘Bo cidadán canino, boa cidadá canina’ e permitiu que o alumnado coñecese a que se dedica Os Palleiros, o seu xeito de traballar, as funcións que realiza, como poden colaborar coa asociación, os coidados esenciais que precisa un can, a quen se teñen que dirixir cando son testemuñas dun caso de maltrato…


A charla tivo unha grande protagonista, unha cadela atigrada chamada Enda, que recibiu unha avalancha de cariño, apertas e aloumiños por parte dos nenos. Entre os contidos da actividade tamén se abordou a correcta educación das mascotas, explicándolles aos rapaces que, ao igual que eles teñen os seus mestres, tamén hai mestres para cans, e indicándolles que só se lles poden dar recompensas cando se portan ben.


Tal e como avanza Marcos Rey, dentro desta colaboración cos colexios, Benestar Animal e Os Palleiros organizaron unha vista dun grupo de rapaces do CPR San José ao refuxio municipal de Campañó para este mércores 19 de xaneiro (prevista para as 11:15 horas) e outra charla neste centro educativo para o luns 24 de xaneiro (ás 10:00 horas).