En tramitación as sete licenzas de actividade do Polígono comercial do Vao

192

A Concellaría de Urbanismo tramita nestas semanas as sete licenzas para que o polígono comercial do Vao (fase 1) sexa unha realidade, segundo explicou esta mañá o concelleiro de Urbanismo, Xaquín Moreda. Este polígono está situado na estrada de Vilagarcía á man dereita da condución. Ademais da licenza de construción das dúas naves que albergarán as distintas actividades comerciais, tamén tramita ás correspondes aos locais que ocuparán as firmas: Norauto, Eroski, Leroy Merlin, Kywoko, Jysk e Decathlon.

O novo polígono fixa as seguintes reservas:

  • Superficie edificable de uso comercial dividida en dúas parcelas: 
    • Parcela de 17.731,77 m2con edificabilidade de 15.586,97 m2
    • Parcela de 1.266,97 m2 con edificabilidade de 964,81 m2
  • Superficie destinada a espazos libres e zonas verdes: 4.406,02 m2
  • Viario e estacionamentos (462 prazas): 6.850,21 m2
  • Parcela para equipamento: 688,30 m2
  • Parcela de cesión municipal: 1.758 m2
  • Cesión de parcela a Ministerio de Fomento para autoestrada de 3.915,06 m2.

As firmas comerciais

A nave máis pequena estará ocupada pola firma Norauto e estará dividida en dous espazos: actividade comercial e actividade industrial, é dicir, unha zona de vendas e outra de taller. En total disporá de 717,96 m2.

A nave máis grande disporase en dúas alturas e albergará o resto de actividades comerciais. Na planta baixa estará Leroy Merlin cunha superficie construída de 4.236,65 m2, dos cales máis de 3.200 están destinados para sala de vendas.

O segundo espazo máis amplo será o de Decathlon con 3.017,80 m2 construídos, dos cales 2.600 están previstos para zona de vendas.

Tamén na planta baixa estarán Jysk cunha superficie construída de 1.001,50 m2 e unha sala de venda de 775,90 m2.

Finalmente a firma Kiwoko pet ocupará 909,41 m2 dos cales 652,79 será zona de vendas.

A segunda planta da nave acollerá a firma Eroski que disporá de 2.570,50 m2 construídos e a outra parte da nave será un estacionamento de 212 prazas (a maiores das 462 prazas establecidas na parcela).