Pontevedra acollerá en novembro o Campionato de España Cadete, Júnior e Sub-21 de Karate e en febreiro de 2023 unha Liga Nacional Cadete e Absoluta desta disciplina
37
Pontevedra acollerá en novembro deste ano, en data aínda por confirmar, o Campionato de España Cadete, Júnior e Sub-21 de Karate, e en febreiro de 2023 unha Liga Nacional Cadete e Absoluta da disciplina. Así o confirmou esta mañá o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, tras unha xuntanza mantida no Concello de Pontevedra cos presidentes da Real Federación Española de Karate (RFEK), Antonio Moreno, e da Federación Galega, Óscar Lafuente, e na que tamén participou un técnico do Servizo Municipal de Deportes.
Segundo indicou o edil do PSOE, “viñamos mantendo conversas coa Federación de Karate, porque hai un ano xa tiñamos organizado con moito éxito unha Liga Nacional, que saíu moi ben e que amosou o sinxelo que é traballar con eles”. Fernández sinalou que o de Pontevedra “é un concello que aposta por traballar de forma escalonada, mellorando de xeito progresivo e establecendo relacións consistentes coas federacións, e neste caso mantemos unha moi boa relación”.
“A reunión puxo os piares para que neste ano 2022 e no 2023 teñamos eventos de relevancia e para ir vendo a posibilidade de traer outras cousas incluso máis importantes en 2024. Estamos moi satisfeitos, xa que se trata dun deporte que aporta un valor engadido importante á actividade económica de Pontevedra e precisamos potenciar. Temos que agradecerlle ás federacións as facilidades que nos está dando para subir eses chanzos que nos permitan acadar a organización de eventos cada vez máis importantes”, engadiu o concelleiro.
O presidente da RFEK agradeceu “o trato que sempre nos deu o concelleiro de Deportes” e destacou “a espectacular Liga” celebrada neste “gran pobo” do que quedou “marabillado”. Tal e como asegurou Antonio Moreno, “volvemos repetir cun Campionato de España Cadete, Júnior e Sub-21 que oscilará entre os 800 e os 1.000 competidores e que arrastra a unhas 1.500 ou 1.600 persoas directamente implicadas no evento”. “Imos encher de novo esta cidade -afirmou- turisticamente e deportivamente”.
Pola súa banda, o presidente da Federación Galega de Karate amosou o seu “orgullo” porque “se afiance e consolide esta relación coa cidade e co seu Concello”, polo que “sempre nos sentimos moi ben tratados”. Para Óscar Lafuente, é un motivo para sacar peito que se poidan traer eventos nacionais á nosa comunidade e Pontevedra, xa que é “o mellor xeito de apoiar aos deportistas”, e neste sentido, Pontevedra está a acadar cada vez un maior peso como capital galega do karate.