Santa Clara poderá ser visitado todas as fines de semana de febreiro e marzo

313
O Concello ten preparado un programa de roteiros guiados polo interior do novo espazo municipal, que incluiría as celas, a cociña, o comedor, a igrexa ou a sala capitular
As inscricións para estas visitas serán abertas o venres 21 de xaneiro, ás 17 horas, na páxina oficial de Santa Clara

A área de Patrimonio Histórico do Concello de Pontevedra ten xa listo o programa de visitas ao interior do antigo convento de Santa Clara. Unha oportunidade única de coñecer un dos espazos máis agochados e misteriosos da cidade, mais que agora poderá ser percorrido e coñecido pola veciñanza pontevedresa.

O responsábel da concellaría, Xaquín Moreda, indicou esta mañá que Santa Clara será visitábel ao longo de todas as fines de semana de febreiro e marzo. Cada sábado e cada domingo, serán realizadas catro visitas diarias, facendo un total de oito roteiros polo interior do espazo municipal cada fin de semana. Os horarios para quedan serán os seguintes: 11, 12.30, 16 e 17.30 horas. En total, serán máis de sesenta visitas as programadas polo Concello.

As visitas futuras serán realizadas en grupos de máximo 20 persoas, e contarán cun guía e cun asistente para poder achegar a mellor información posíbel sobre as estancias deste espazo, agochado por máis de 750 anos para a cidade. 

As inscricións poderán ser realizadas a través da web oficial do espazo municipal, www.santaclarapontevedra.gal. O apartado específico para esta acción será habilitado este venres, 21 de xaneiro, ás 17 horas. 

Que poderá visitar todo aquel que entre polas portas de Santa Clara? Por suposto, as zonas exteriores do xardín e os claustros, mais tamén todos os corredores e estancias internas: os locutorios, o arquivo, a igrexa, as zonas de traballo, a sala capitular, a cociña, as celas, o comedor, etcétera.

O Concello lembra que está será, polo momento, a única forma de visitar Santa Clara, se ben é certo que xa se está a traballar nunha nova xornada de portas abertas coa chegada da primavera, ademais doutras actividades culturais —charlas, mesas redondas…— que poderían ter o espazo da igrexa como o seu escenario.