Un grupo de nenos e nenas do CPR San José visitan as instalacións do refuxio animal de Campañó acompañados polo concelleiro Marcos Rey

13

Un grupo de nove nenos e nenas de 6º de Infantil do CPR San José achegouse esta mañá ata o refuxio animal de Campañó para coñecer o inxente traballo que a asociación Os Palleiros desenvolve no eido da recollida, coidado e adopción de cans abandonados nas vías públicas. A visita dos pequenos, á que tamén asistiu o concelleiro de Benestar Animal, Marcos Rey, forma parte da iniciativa impulsada polo Concello en colaboración co colectivo que xestiona a canceira co obxectivo de sensibilizar e concienciar aos máis cativos sobre as consecuencias do abandono e a importancia dunha adopción responsable.


Tal e como sinalou Marcos Rey, “a campaña enmárcase dentro do proxecto ‘Bo cidadán canino, boa cidadá canina’, e contempla charlas impartidas por responsables de Os Palleiros en diversos centros educativos (a primeira deste ciclo tivo lugar o pasado luns no CEIP Plurilingüe San Benito de Lérez) para explicarlles aos alumnos a que se dedica a protectora, como poden colaborar con ela, os coidados que precisan as mascotas, a quen se teñen que dirixir ante un caso de maltrato e mesmo algúns consellos para educar aos seus cans correctamente”. “A vindeira charla terá de novo como protagonistas aos pequenos do CPR San José, que recibirán unha visita de Os Palleiros o luns 24 de xaneiro ás 10:00 horas”, apuntou o edil do PSOE.