Benestar Animal abrirá mañá o prazo para que donos e mascotas poidan inscribirse nun novo Curso para a Boa Cidadanía Canina

74

Co acto de graduación da primeira promoción de cidadáns caninos exemplares aínda recente (cunha vintena de ‘diplomados’), a Concellería de Benestar Animal, que dirixe o socialista Marcos Rey, abrirá mañá, venres 21 de xaneiro, o prazo para inscribirse nun novo Curso para a Boa Cidadanía Canina, desenvolvido en colaboración cos expertos do club canino Diverti Cans. Todos aqueles donos e mascotas que desexen participar poderán anotarse de balde a través do enlace apuntate.pontevedra.gal (ou solicitar máis información no teléfono de contacto 627 937 281).


Segundo subliña Marcos Rey, “o curso dará comezo o día 3 de febreiro e traducirase nunha sesión semanal durante tres meses, rematando cunha proba final para obter o carné de aptitude”. O concelleiro de Benestar Animal avanza que “unha das principais novidades desta formación consistirá na inclusión dun grupo específico de cachorros de entre 2 e 8 meses”. “As aulas impartiranse nas instalacións que Diverti Cans ten en Lérez e tamén en diferentes contornos da cidade, como os antigos terreos de Tafisa, o barrio de Monte Porreiro, a Alameda, o parque de Amalia Álvarez, a Praza de Barcelos e Campolongo. Os horarios serán os seguintes: de 19:45 a 20:30 horas, un grupo de 15 cachorros; ás 20:30 horas un grupo de 10 adultos e ás 21:30 horas outro grupo de 10 adultos”, explica o edil do PSOE.


Entre os requisitos para poder participar inclúense os de estar censad@s en Pontevedra, ter a cartilla sanitaria ao día (vacinación e desparasitación), estar en posesión do microchip, non ser un CPP (can potencialmente perigoso) e superar unha entrevista previa de valoración de conduta canina.


Os coñecementos e contidos que se impartirán dentro do ‘programa académico’ deste Curso para a Boa Cidadanía Canina e que os peludiños deberán superar para graduarse son:


1. Aceptar a unha persoa descoñecida
2. Saudar, sentado/a, a unha persoa descoñecida
3. Aparencia e hixiene
4. Camiñar xuntos
5. Pasear entre persoas
6. Sentar, parar e tumbarse
7. Resposta á chamada
8. Relación con outros cans ou cadelas
9. Reacción ante distraccións
10. Separación supervisada