Discurso dos Premios Cidade de Pontevedra 2021

19

Concelleiras e concelleiros, Autoridades e representantes, Premiados e premiadas, Membros do xurado do Cidade de Pontevedra, Xornalistas e medios de comunicación, traballadores que hoxe fan posíbel este acto… Amigos e amigas.

Un ano máis vémonos neste escenario, neste Teatro Principal para facer entrega dos Premios Cidade de Pontevedra. Grazas a todos por facelo posíbel, por acompañarnos nesta sesión de honra que, sen dúbida, segue marcada por esa pandemia e esa crise sanitaria que aínda persiste, mais estou convencido que iremos deixando atrás.

Hoxe é un día grande para a Boa Vila. Estamos para entregar en man unhas distincións que teñen unha dobre cara: son un recoñecemento, si; mais son un agradecemento, pois hoxe por suposto que recoñecemos as traxectorias dos aquí presentes, pero tamén queremos darlles as gracias como cidade e como individuos, pois sen eles, sen os seus traballos, sen os seus esforzos, sen as súas decisións… sería imposible avanzar como colectivo sen eles, sería ben máis difícil que Pontevedra fose a cidade que hoxe é e que mañá será. 

Este agradecemento non é so para as premiadas, é para todos os colectivos e persoas que fían e tecen estes recoñecementos. Refírome as asociacións e entidades que propoñen candidaturas, responsábeis de facer unha análise fonda da nosa vila e obter os nomes que a mudaron nos últimos tempos. Refírome tamén aos membros do xurado, que aceptan unha responsabilidade certamente incómoda, que é a de escoller uns nomes, o que de xeito inexorábel leva a deixar algúns fóra da elección. Así, aproveito xa para dicirllo a elas tamén: grazas Leonor (Nené), grazas Carme por facer tamén de Pontevedra unha cidade mellor. As vosas traxectorias son un premio para nós, para todos e todas. Sodes referentes dos que estarmos orgullosos.


Así, o xurado acordou premiar, na modalidade de persoa física non a unha, senón a dous veciños de Pontevedra. Anxo González Guerra e Vitoria Ogando Valcárcel. Dous deses pontevedreses que non son de nacemento, pero que coido fixeron súa a cidade nos corenta anos que levan nela. Dúas vidas entrelazadas en proxectos e vocación, ambos os dous forman parte da primeira  promoción de Galego-Portugués que a Universidade de Santiago Compostela deu ao mundo, toda unha declaración de ideas, principios e aspiracións.

Non me cabe dúbida que esa vocación por coñecer o galego, pola nosa lingua, é a pedra angular dunhas vidas que formaron outras. Profesores da nosa cidade, Vitoria no Valle-Inclán, Anxo no Sánchez Cantón; polas súas clases pasaron centos de mozos e mozas que sempre os recordarán como dous exemplos de ensino e compromiso. Supoño que hoxe haberá aquí, no Teatro, algunhas desas caras que eles viron medrar nalgún momento, ano tras ano, desde a pizarra. Non se me ocorre acción máis difícil que transmitir con éxito o coñecemento fondo que un ten nunha materia, en facelo con agarimo, en lograr prender esa mesma luz que eles posúen noutras mentes. 

Vitoria e Anxo prenderon mentes, almas e ideas durante varias décadas nesta cidade. Ese é un labor que Pontevedra nunca poderá pagar, pois é realmente imposíbel pórlle prezo, é inmaterial, é vontade humanística e artística, e fomentar a nosa lingua, esa que nos fai galegos, que nos fai ser o que somos. É algo que vai máis aló dos premios, que, por certo, xa é o segundo que vos ofrece Pontevedra, logo de recibirdes no 2018 o Premio Xoán Manuel Pintos. 

A cousa é que non lles chegou só con ensinar e elevar a varias xeracións de pontevedreses, senón que co seu proxecto ogalego.eu abriron a porta a que miles de persoas no noso país, no mundo tamén, poidan estudalo, poidan mellorar no seu uso, poidan preparar probas de acceso, exames, títulos… poidan, en definitiva, mellorar como galegos. Anxo e Vitoria, alén da lingua, tamén tratan de mellorar a información xeral que temos a man, sendo ambos os dous membros activos da Galipedia, esa fonte de coñecemento libre que facemos entre todos e que consultamos cada vez que xorde unha dúbida nunha conversa e acudimos a ela na procura de respostas feitas no país.

Sodes parte dese dinamismo que fai de Pontevedra un fervedoiro de cultura e ideas. Non fostes profesores, SODES profesores. E supoño que nunca deixaredes de selo, de ensinar, de prender a curiosidade, de ser catalizadores da lingua e do país. Falo en nome de toda a veciñanza á hora de dicir as seguintes palabras: Grazas por todo. Grazas por facer de Pontevedra o que é. Quedamos agardando a vosa próxima lección. Parabéns

Na modalidade de persoa xurídica, o xurado concedeulle o premio ao Club Tenis de Mesa de Monte Porreiro. É un recoñecemento necesario, un recoñecemento que lle outorga a todo un barrio unha dignidade e un orgullo de seu que toda a cidade ten presente,  do que cada día se sente máis preto. O Club Tenis de Mesa de Monte Porreiro é ese exemplo de traballo humilde e constante que Pontevedra precisa, e ben podería dicir que o mundo tamén, a fin de contas, hoxe é un equipo internacional, que deixa a súa pegada, a súa identidade alí onde xoga.

O que naceu como un proxecto pequeno, como un equipo de barrio que pretendía ofrecer unha alternativa saudábel e de entretemento no tempo libre acabou por ser un equipo con presencia na máxima categoría do tenis de mesa do estado no equipo masculino, e cunha proxección de enorme relevancia no equipo feminino. É un clube que coida a base, que depende da base, que a fai medrar, que ensina, que xoga, que compite, que lembra que os grandes proxectos nacen do esforzo e dos pequenos logros, dos empurróns que fan a un equipo de barrio querer máis, querer chegar ao máis alto e logralo. Soa como se fose unha película de superación, pero é que a realidade moitas veces supera á ficción, pois hoxe temos ao Tenis de Mesa Monte Porreiro loitando cos mellores equipos do estado, sendo, máis que probablemente, o mellor equipo do país.

Temos que agradecerllo a todo ese tecido que o mantén, ao seu presidente, aos seus adestradores, aos seus xogadores, as familias destes, aos pais, ás nais, a todos os familiares que os levan e os recollen nos adestramentos, que se preocupan, que están aí, que ven os partidos, que animan, que berran, que soñaban con chegar a onde chegaron. Iso fai barrio, iso fai cidade. O Monte Porreiro é o exemplo ideal de clube para esta Pontevedra que é e que vén. A da constancia, a da saúde, a da humildade. Grazas por levar a esta cidade polo mundo adiante, por cada pavillón e por cada encontro. Grazas por demostrar que o deporte non sempre depende dos medios cos que se conta, (ue sabemos que son poucos e que estamos xa intentando mellorar); senón que depende da ilusión, do esforzo e das metas que nos propoñamos. Moitísimos parabéns. 

Sirvan estas palabras de agradecemento para lembrar os valores que nos deben mover como cidade na procura dunha Pontevedra mellor. A humildade, a constancia, o traballo, a diversidade, o sentimento de pertenza, o soño dun futuro mellor, dunha vila máis unida á hora de sermos referente.

Son os Premios Cidade de Pontevedra todo iso, un motor de recoñecemento, unha radiografía que hoxe sacamos do dinamismo desta vila e que quedará recollido e salvado para o futuro. Grazas e parabéns de novo polo voso esforzo e polo voso compromiso co país, coa nosa cidade e coas súas xentes.

Viva Pontevedra!