O Open Cidade de Pontevedra Bola 9 reunirá esta fin de semana na cidade a 32 ‘cracks’ galegos do billar

177

O Open Cidade de Pontevedra Bola 9, organizado polo Pool Pontevedra Billiard Club en colaboración coa Concellería de Deportes, reunirá esta fin de semana na cidade a 32 dos mellores xogadores galegos de billar. O torneo desenvolverase entre mañá venres e o domingo 23 de xaneiro, cos competidores repartidos en catro cadrantes de 8 xogadores: dous de cada cadrante clasificaranse para unha final de 8 xogadores.


O Open terá lugar nas instalacións do Pool Pontevedra, situadas no número 15 do lugar de Vilafranca (1º andar), e tódolos enfrontamentos serán retransmitidos en directo a través da súa canle de Youtube. O tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, explica que “o 100% dos cartos aboados para as inscricións destinaranse aos premios para os mellores xogadores e os 8 finalistas recibirán trofeos en función do posto obtido”.


O programa do evento será o seguinte:


– Venres 21 ás 18:30 horas: primeira grella de 8 xogadores (clasificaranse 2)
– Sábado 22 ás 10:00 horas: segundo cadrante de 8 xogadores (clasificaranse 2)
– Sábado 22 ás 17:00 horas: terceira grella de 8 xogadores (clasificaranse 2)
– Domingo 23 ás 10:00 horas: cuarto cadrante de 8 xogadores (clasificaranse outros 2)
– Domingo 23 ás 17:00 horas: cadro final cos 8 xogadores clasificados nas rondas previas