Salcedo recupera este domingo a súa tradicional Carreira Pedestre San Brais

73
  • A falta dunhas horas para que se peche o prazo de inscricións, a clásica organizada por Salcedo Norte e a Concellería de Deportes xa conta con 126 adultos e 146 nen@s inscritos
  • Na proba poden participar persoas de tódalas idades, desde categoría chupete até veteranos de máis de 70 anos. Os maiores de idade completarán un percorrido de 6.500 metros

A parroquia de Salcedo prepárase para acoller este domingo 30 de xaneiro a décima edición dunha das probas deportivas máis populares das que se celebran en Pontevedra, a Carreira Pedestre San Brais, na que poderán participar persoas de tódalas idades, desde categoría chupete até veteranos de máis de 70 anos. A falta dunhas horas para que se peche o prazo de inscricións, a clásica, organizada pola Asociación Veciñal Salcedo Norte en colaboración coa Concellería de Deportes, xa ten 126 adultos e 146 nenos e nenas inscritos, o que supón unha das súas cifras máis destacadas en idades infantís.

O percorrido da proba, que foi presentada esta mañá no Concello polo tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández; a presidenta de Salcedo Norte, Mónica Lustres; o responsable da carreira, José Luis Gallego, e o seu responsable de seguridade, José Victorio Moure, terá unha lonxitude variable en función da categoría e desenvolverase nun circuíto pechado de asfalto, con saídas entre as 11:30 horas (chupete) e as 12:30 horas (maiores de idade) e diversos controis de paso obrigatorios. Así, os nenos e nenas de categoría chupete (de 0 a 4 anos) completarán 100 metros, os de pitufo (de 5 a 7) 250 metros, os de benxamín e alevín (de 8 a 11) 500 metros, os de infantil (de 12 a 13) 800 metros, os de cadete e xuvenil (de 14 a 17) 1.450 metros e os maiores de idade 6.500 metros. O circuíto dos pequenos terá lugar no estacionamento do centro comercial Carrefour e o dos maiores de idade transitará por San Brais e Salcedo.

O concelleiro de Deportes amosouse “tremendamente satisfeito” de que “esteamos a recuperar unha carreira que era xa tradicional en Pontevedra, que formaba parte do noso circuíto de carreiras populares e coa que ademais empezaba dito circuíto, que é moi especial e que ten unha dificultade que a fai moi interesante: normalmente os corredores de carreiras populares precisan sempre elementos de dificultade para facer atractiva a carreira e esta as ten”. “Esta proba é un xeito de dinamizar a zona, animar á xente a volver practicar actividade física e a que pase un día divertido e diferente, correndo e coñecendo o noso contorno rural. Agardemos que esta iniciativa, que parte das asociacións do barrio de San Blas, se poida facer extensiva a outros barrios e parroquias, de xeito que vaiamos recuperando aquel circuíto de carreiras que era unha moi boa idea, que por circunstancias se foi perdendo e que non perdemos a esperanza de recuperar”, asegurou Tino Fernández.

Mónica Lustres expresou a súa ledicia polo regreso da carreira, así como o seu agradecemento a Concello, entidades colaboradoras (Cruz Vermella, Casa Román, Carrefour, Protección Civil, Club Ciclista Farto e a Sociedade Ximnástica) e, sobre todo, “aos veciños, que son os que realmente fan que isto sexa posible, axudando tanto no avituallamento como nas diferentes zonas do percorrido”. Para a presidenta de Salcedo Norte, “é unha grata sorpresa que, despois de tanto tempo sen contacto e relación, todos teñan tantas gañas de volver retomar este proxecto, que agardamos que anime a moitos outros”.

José Moure fixo fincapé na “grande aceptación que sempre tivo esta carreira, por seren unha das primeiras do ano e servir para cubrir a fase invernal de traballo de moitos atletas e servir de test de avaliación cara a outros compromisos”. “O circuíto está moi ben sinalizado e a implicación dos veciños é sempre primordial para sacar adiante esta proba”, afirmou o seu responsable de seguridade. 

A Carreira Pedestre San Brais 2022 pechará mañá ás 23:59 horas o prazo para realizar as inscricións, que poden tramitarse en tódalas categorías a través da páxina web www.championchipnorte.com. A persoas maiores de 12 anos só poderán participar se contan cun certificado Covid dixital da UE en vigor no que se indique que teñen a pauta de vacinación completa, ou que teñen unha proba diagnóstica SARSCoV2 negativa, ou que están recuperadas da Covid-19, ou ben se achegan o certificado do resultado dun test de antíxenos ou PCR negativo cunha antelación máxima de 72 horas á celebración da carreira. “O certificado -indicou Tino Fernández- terá que presentarse inescusablemente, impreso ou nun dispositivo electrónico, á hora de recoller o dorsal”.

Aos participantes de 11 ou menos anos non se lles solicitará ningunha proba anti Covid nin certificado e deberán competir coa mascarilla ben posta, cubrindo sempre o nariz e a boca. 

Partindo do protocolo FisiCovid-DXT Galego, a organización estableceu ademais unha serie de medidas como gardar a distancia de seguridade, a obrigatoriedade de que os corredores completen os primeiros cen metros da proba coa mascarilla posta (tendo a posibilidade de retirala, sen tirala ao chan, unha vez completada dita distancia, e transportándoa ata a liña de meta, onde se lles ofrecerá unha seca e limpa) e a necesidade de realizar o quecemento coa máscara colocada en boca-nariz se non se pode garantir a distancia de seguridade interpersoal ou cando o quecemento se faga en grupo. Asemade, os adiantamentos deberán realizarse coa separación mínima de 2 metros entre deportistas, os participantes non poderán ir correndo un detrás de outro e deberá manterse unha distancia mínima de 10 metros, os deportistas transitarán pola marxe dereita do carril habilitado para a carreira, os espectadores deberán manter a distancia de seguridade interpersoal e usar mascarilla en todo momento e non se permitirá público nas zonas de pre-saída, saída e meta. 

Controis de cronometraxe de chip

Tal e como indicou o tenente de alcalde, “estableceranse controis de cronometraxe de chip (que deberá ir suxeito aos cordóns das zapatillas) por todo o percorrido, co propósito de verificar que tódolos atletas cubren a totalidade do mesmo”. “Estes controis -apuntou o edil do PSOE- rexistrarán tamén os tempos de paso totais, polo que é obrigatorio pasar por enriba das alfombras de cronometraxe dispostas na saída e chegada. Os atletas que non teñan todos os rexistros serán descualificados, sen prexuízo doutros tipos de controis que poidan establecerse”. 

A clasificación será por categorías e absoluta, e premiarase como vencedores absolutos aos tres primeiros homes e mulleres en rematar. Os vencedores absolutos recibirán o premio correspondente a esta clasificación, así como o da súa categoría particular (entregaranse trofeos aos tres primeiros clasificados de cada categoría). Nas categorías chupetes, pitufos, benxamín, alevín, infantil, cadete e xuvenil recibirán unha medalla tódolos que rematen a súa carreira. 

Así mesmo, farase entrega do Trofeo Julián Bernal ao corredor e á corredora máis veterano/a en tomar parte nesta X edición, que consistirá nunha cea para dúas persoas no restaurante Casa Román (para cada un). Tamén haberá un sorteo de lacóns entre as persoas participantes nas categorías de maiores de idade, xusto antes da saída, e unha chocolatada para tódolos deportistas que rematen. 

A cerimonia de entrega de premios desenvolverase na zona de meta a partir das 13.30 horas.

Para obter máis información acerca deste evento poden contactar coa Asociación Veciñal Salcedo Norte a través do correo electrónico avsalcedonorte@gmail.com ou no Facebook @A.V.SalcedoNorte.