O Ganapán despide xaneiro no Mercado de Abastos con talleres de elaboración de rolos de pizza, pan naan, crocodilos lingoreteiros e cabalos con sorpresa

7

O Ganapán, o programa de lecer infantil do Mercado de Abastos impulsado pola concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco, despedirase do mes de xaneiro por todo o alto. A iniciativa de dinamización, destinada a nenos e nenas de 4 a 10 anos, deseñou para esta fin de semana unha atractiva proposta de talleres culinarios e creativos que se desenvolverán no Gastroespazo.


Tal e como avanza Yoya Blanco, “para o sábado 29 de xaneiro está previsto un obradoiro de elaboración de roliños de pizza caseira, unha receita divertida e sinxela, perfecta para festas e aperitivos, e outro de confección dun simpático crocodilo lingoreteiro”. No que atinxe á xornada do domingo 30 de xaneiro, os pequenos que participen terán ocasión de elaborar pan naan, tamén coñecido como pan plano ou pan indio, perfecto para acompañar a comida, e de crear un precioso cabalo empregando material de refugallo, en cuxo interior poderán gardar unha chea de sorpresas.


Como de cotío, haberá dúas sesións, ás 11:00 e ás 12:30 horas, e os rapaces que desexen participar deberán inscribirse a través do email oganapan@gmail.com antes das 16:00 horas do día anterior ao da celebración das actividades. Aconséllase portar friameira para levar as casa as receitas cociñadas.