Educación e o Club Cisne retomarán o xoves 3 de febreiro no CEIP Froebel o ciclo de charlas sobre ‘O deporte na etapa escolar’

20

A Concellería de Educación e o Club Cisne Balonmán retomarán o xoves 3 de febreiro no CEIP Froebel o ciclo de charlas sobre ‘Educación e deporte. O deporte na etapa escolar’, organizadas polo departamento que dirixe o socialista Tino Fernández coa finalidade de transmitir aos escolares pontevedreses de 5º e 6º curso de Educación Primaria a posibilidade de compatibilizar o deporte de base, a alta competición e os estudos, tanto de Primaria e Secundaria como universitarios. Está prevista participación nestes talleres, que se desenvolverán a partir das 9:30 horas, de catro grupos dunha vintena de alumnos cada un: 20 de 6ºB, 22 de 5ºA, 21 de 5ºB e 21 de 6ºA.


A través da experiencia do Club Cisne Balonmán, e da man dalgúns dos xogadores e membros do corpo técnico do equipo de División de Honra Prata (en colaboración coa firma Polo Correo do Vento e co músico Antón Ke, que acompañaron no relatorio inaugural celebrado en decembro no CEIP Álvarez Limeses ao presidente do equipo, Santi Picalllo, e ao central Álvaro Preciado), os rapaces coñecerán como medraron tanto deportivamente como academicamente, e como acadaron éxitos deportivos sen esquecer as súas obrigas escolares.


Tal e como lembra o tenente de alcalde e concelleiro de Educación, Tino Fernández, “esta actividade tradúcese en charlas duns 50 minutos impartidas aos grupos/aulas dos colexios que así o solicitaran ou que o soliciten”. Entre as finalidades pedagóxicas deste proxecto inclúense as de asociar a educación académica co deporte de base e coa preparación para a alta competición; comprender a relación existente entre o deporte e a conduta académica, mediante os valores de traballo en equipo, organización e mellora da capacidade de entendemento; adquirir hábitos de disciplina, colaboración e admisión de xerarquías respecto de adestradores, mestres/as…, e asumir a responsabilidade sobre as decisións persoais respecto á preparación de tarefas.


“Deste xeito, a través de cada charla/obradoiro queremos promover entre o alumnado a conciencia sobre a posibilidade real e efectiva de compatibilizar deporte e estudos”, sinala Tino Fernández.

Ademais do CEIP Froebel, tamén está previsto que participen neste ciclo sobre ‘Educación e deporte’ os seguintes centros escolares:

  • CEIP Daría González García (martes 8 de febreiro, ás 9:15 horas): 5º curso, 9 alumnos; e 6º curso, 9 alumnos
  • CEIP San Martiño (martes 8 de febreiro, de 12:00 a 14:00 horas): 5º curso, 25 alumnos; e 6º curso, 24 alumnos
  • CEIP A Xunqueira I (xoves 10 de febreiro): 5ºA ,18 (de 12:20 a 13:10 horas); 5ºB, 18 (de 13:10 a 14:00 horas); 6ºA, 23 (de 10:40 a 11:30 horas); e 6ºB, 25 (de 9:50 a 10:40 horas)
  • CEP Marcos da Portela (martes 15 de febreiro, a partir as 9:30 horas): 5ºA, 22; 5ºB, 23; 6ºA, 22; 6ºB, 22; e 6ºC, 22 
  • CEIP de Parada-Campañó (xoves 17 de febreiro, a partir das 9:30 horas): 5º curso, 13; 6º curso, 15 
  • CEIP San Benito de Lérez (martes 22 de febreiro, a partir das 9:30 horas): 5º, 20; 6ºA, 14; e 6ºB, 14
  • CEIP Santo André de Xeve (xoves 24 de febreiro, ás 9:00 horas): 5º, 20; e 6º, 20
  • CEIP Marcón (xoves 3 de marzo, de 11:40 a 12:30 horas e de 12:30 a 13:15 horas): 5º, 25 alumnos/as; e 6º, 23 alumnos/as
  • CEIP A Xunqueira II (martes 8 de marzo, a partir das 9:00 horas): 5ºA, 22; 5ºB, 22; 6ºA, 24; e 6ºB, 23