A renovación integral da EP-0002 incrementará a seguridade e a mobilidade peonil en Tomeza

61
A actuación creará unha senda segura e de alta calidade para os camiñantes da zona, ao longo do trazado do Camiño de Santiago que transcorre nesa mesma zona pola estrada
O coordinador do Rural, Alberto Oubiña, sinala que a actuación tamén implicará unha mellora na calidade substancial de vida da parroquia, ao afondar nas conexións a pé para a veciñanza

O concelleiro e coordinador do Rural, Alberto Oubiña, presentou esta mañá a actuación a realizar en convenio coa Deputación de Pontevedra na estrada EP-0002, que discorre por Tomeza. O edil lembrou que o Concello tomou hai varios anos a decisión de «actuar nas zonas polas que discorre o Camiño de Santiago como unha das liñas fundamentais a tratar e a mellorar para que as persoas que nos visitan poidan facelo nas mellores condicións posíbeis».

Alén deste primeiro apuntamento, Oubiña lembrou que tamén é posíbel ver estas accións como elementos que melloren a calidade de vida da veciñanza que residen nestas zonas. Nos últimos, o Concello actuou en diversos lugares que o Camiño atravesa —o casco histórico, o Gorgullón, Virxe do Camiño, Ponte do Burgo…— mais agora o esforzo estará posto sobre un trazado alternativo ao percorrido oficial en Tomeza, usada masivamente pola veciñanza e polos viaxeiros. «Úsase porque as condicións de seguridade do trazado oficial que temos na estrada EP-002 non son as mellores, polo que existe un problema a solucionar, precisamos realizar unha actuación que corrixa isto».

Concello e Deputación prepararon un proxecto que vai percorrer a parroquia de Tomeza, desde o núcleo do Pobo, lindando con Vilaboa, até o lugar do Marco, na redonda que a Xunta ten alí. É unha actuación duns 2,5 quilómetros, e que será realizada en base a unha senda pola marxa esquerda da estrada, dirección Pontevedra. «É unha intervención que quere establecer unha senda corrida en todo o trazado cun ancho mínimo de 2,5 metros para garantir a seguridade das persoas que a utilicen», sinalou Oubiña.

O concelleiro tamén destacou a existencia de dúas zonas nas que o ancho da vía non permite o ancho mínimo da senda, polo que nestes casos se construirá unha plataforma única de coexistencia. Doutra banda, tamén serán colocados pasos de peóns elevados nalgúns puntos para facilitar a unión das vivendas con esta senda, amais de lograr un calmado do tráfico na vía, polo que «será unha actuación integral para mellorar a mobilidade en toda a zona».

O Concello de Pontevedra considera que está é unha actuación máis que positiva, ao reforzar e complementar o núcleo de centralidade de Tomeza, realizado no pasado ano, ao mellorar a conexión peonil entre diferentes da parroquia. A actuación que está por vir podería formar parte perfectamente desta idea xeral. 

O custe do proxecto estímase en algo máis de 1.250.000 euros financiados pola entidade provincial. A este custe se lle engadirán as expropiacións dos espazos afectados, sumando un total de 34 parcelas, «anacos moi pequenos», en palabras de Oubiña; que realizará o Concello para lograr o mellor trazado posíbel. 

Ás 12.30 horas deste sábado 29 de xaneiro está prevista unha reunión no Local Social de Lusquiños, en Tomeza, entre o coordinador do Rural e a veciñanza do lugar, para explicar o proxecto polo miúdo e sinalar os seguintes pasos a seguir e realizar.