Concello e veciñanza promoven unha recollida de sinaturas para lograr que o Local dos Campos teña calefacción
76
CENTRO SOCIAL OS CAMPOS II
No mes de novembro, o Concello solicitoulle un novo contrato que permita acender a calefacción e a auga quente, pero a día de hoxe segue sen activarse, a pesar de que ten un prazo de legal de 15 días para facelo.
O Concello de Pontevedra e a Asociación de veciños O Carballo dos Campos, na parroquia de Mourente, iniciarán na vindeira semana unha recollida de sinaturas para esixir a Naturgy a alta definitiva do novo Local Social, que neste momento carece de auga quente e de calefacción. O Concello solicitou a alta en novembro e a día de hoxe non obtivo resposta polo que tamén estuda outras vías administrativas de presión.
Segundo explica o coordinador do rural e concelleiro responsable da parroquia de Mourente, Alberto Oubiña, á par da posta a disposición definitiva do Local Social dos Campos, o Concello de Pontevedra tramitou perante a súa comercializadora (a que gañou a licitación do subministro eléctrico do Concello) a alta definitiva do edificio para poder pasar dunha instalación monofásica (a actual) a trifásica, e poder dar servizo de auga quente e calefacción ao centro, especialmente ante a chegada do inverno.
O Local social dispón dun sistema de calefacción e auga quente sanitaria por aerotermia. Son uns aparellos que precisan de corrente trifásica para funcionar e que os servizos técnicos municipais desaconsellan empregar en conexión monofásica debido a que se estropearían.
Legalmente a distribuidora (Naturgy) ten a obriga de dar esa alta no prazo de 15 días. A pesar de que o Concello a solicitou no mes de novembro, a día de hoxe o centro social segue sen unha conexión trifásica para o edificio e os veciños e veciñas sofren a diario os rigores do inverno, ao non poderen activar a calefacción nin empregaren a auga quente.
Durante estes máis de dous meses, o Concello, a través da súa empresa comercializadora, reiterou en moitas ocasións á súa subministradora a alta, pero a día de hoxe segue a confirmarlle que Naturgy non a activou.
O responsable da parroquia de Mourente, Alberto Oubiña mantén un contacto permanente cos representantes da veciñanza para informarlles das xestións que semanalmente fai o Concello coa distribuidora de enerxía que vén desoíndo as peticións municipais dende o mes de novembro.
Ante esta situación, o Concello e a Asociación de veciños O Carballo acordaron iniciar unha nova vía de presión: a recollida de sinaturas na parroquia para esixir á Naturgy esa alta; ademais de seguir presionando administrativamente e poder pasar da conexión monofásica á trifásica, xa que entenden que esta situación é “insostible”.
O concelleiro Alberto Oubiña lembra que si este é o trato que recibe o Concello que dispón dunha enorme estrutura legal e administrativa “o que non debe sufrir un particular calquera ante a prepotencia das grandes eléctricas”.