A III Feira da Saúde e o Benestar PonteSan celebrarase a penúltima fin de semana de maio e estará dedicada á loita contra a depresión, a angustia e a tristeza

723

A organización da III Feira da Saúde e o Benestar PonteSan púxose en marcha esta mañá cun encontro entre o seu impulsor, o tenente de alcalde e concelleiro de Actividade Física e Saúde, Tino Fernández, e unha trintena de representantes das asociacións socio sanitarias galegas implicadas no proxecto. Entre as cuestións abordadas nesta primeira reunión preparatoria, desenvolvida na Casa das Campás, adoptáronse as decisións de pechar as datas de celebración do evento, que terá lugar na Praza de España durante a penúltima fin de semana de maio (días 20, 21 e 22 de maio) e de dedicar esta edición de 2022 á loita contra a depresión, a tristeza e a angustia.


Trala xuntanza, Tino Fernández amosouse “moi ilusionado con este pistoletazo de saída da III Feira da Saúde PonteSan”, que contou “cunha asistencia moi importante por parte das asociacións do ámbito socio sanitario, que acudiron á Casa das Campás para poñer en común como queremos que sexa esta nova edición”. “Falouse -sinalou o edil do PSOE- de que a feira ten que prolongarse ao longo do tempo, xerar actividade nos eidos da prevención e dos hábitos de vida saudables ao longo de todo o ano. Polo tanto, imos facer unha programación moi potente e densa para que esa visibilización se leve a cabo. Tomouse a decisión de manter outra reunión a finais de febreiro para ir pechando programacións e preprogramacións anteriores ao evento (a idea é reunirse cando menos unha vez ao mes), para ir quecendo motores”.


Tal e como subliñou o concelleiro de Actividade Física e Saúde, “unha das decisións máis importantes que se adoptou hoxe foi a de dedicar de forma principal esta III edición de PonteSan a loitar contra a depresión, a tristeza e a angustia, que xa existían na nosa sociedade, pero que esta pandemia ten agudizado”. Neste mesmo sentido, a intención compartida de Tino Fernández e dos voceiros das asociacións é a de “facer menos talleres e mesas redondas e máis actividades de carácter lúdico e dinámico dentro da feira”.


“Temos que loitar entre todos contra esa depresión e esa tristeza que nos agudizou a pandemia. Este ano, a Feira da Saúde vai ser unha feira de loita contra a depresión”, asegurou o edil socialista.