Os máis pequenos inauguran O Ganapán de febreiro cociñando delicias nos talleres do Espazo Gastro: cupcakes de brócoli e galletas vienesas para abrir boca

9

O programa de lecer infantil do Mercado de Abastos O Ganapán, impulsado pola concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco, inaugura esta fin de semana o calendario de febreiro cunha oferta de obradoiros nos que os máis pequenos terán ocasión de cociñar verdadeiras delicias. Así, os rapaces de 4 a 10 anos que participen nos talleres do Espazo Gastro o sábado 5 e o domingo 6 de febreiro poderán elaborar saborosas e saudables receitas de cupcakes de brócoli e de galletas vienesas ideais para acompañalas dunha bebida quente.


Segundo explica Yoya Blanco, “como sempre, no Ganapán tamén haberá lugar para a creatividade dentro do Espazo Crea, no que os nenos e nenas que participen nas actividades do sábado terán oportunidade de crear as súas propias gorras personalizadas cun deseño feito a man, mentres que @s que asistan o domingo confeccionarán aneis e colares de fantasía cheos de glamour”. Unha vez máis, celebraranse dúas sesións, ás 11:00 e ás 12:30 horas, e todos aqueles rapaces que desexen participar deberán reservar a súa praza previamente a través do email oganapan@gmail.com antes das 16:00 horas do día anterior ao da celebración dos talleres. “Recoméndase traer friameira -subliña Blanco- para levar a casa as receitas cociñadas”.