Pontevedra aposta por afondar no seu propio modelo á hora de xestionar e marcar as zonas de baixas emisións

47
A cidade seguirá o marco legal proposto pola Lei de Transición Ecolóxica que recolle nas súas directrices a posibilidade de crear estes lugares restrinxindo o tráfico a só o necesario
Todos os barrios —Monte Porreiro, Mollavao, A Parda e O Burgo— entrarán dentro da cidade compacta para gozar do mesmo modelo de vida, máis amábel e sostíbel

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, compareceu está mañá en rolda de prensa para informar da situación actual da creación do PMUS —Plan de Mobilidade Urbana Sostible—, practicamente xa rematado, e que derivará na obriga legal de establecer zonas de baixas emisións en todas as cidades que conten con máis de 50.000 habitantes de xeito obrigatorio antes do no ano 2023.

«Decidimos optar pola alternativa terceira, aquela na que toda a cidade compacta é unha zona de baixas emisións», sinalou o alcalde. «A nosa idea é autorizar só os vehículos necesarios para que a cidade funcione, o que vén sendo o que levamos facendo durante 22 anos». Na práctica, a cidade de Pontevedra sitúase como un referente internacional na xestión da mobilidade urbana, situación polo cal, o rexedor fala dunhas accións polas que «nos adiantamos con respecto doutras cidades, tendo agora estas que actuar dunha forma traumática» por mor do pouco tempo que resta de cara a entrada en vigor da normativa europea.

Miguel Anxo Fernández Lores lembrou que as cidades poden optar por dúas opcións propostas recollidas na lexislación, que serían a de cobrar por entrar na cidade, nestas zonas de baixas emisións, ou forzar ao cambio de vehículos, máis modernos e con menos emisións. «Nós entendemos que o Modelo Pontevedra non é estático, e pode seguir medrando, e optamos por afondar neste, en restrinxir o tráfico de vehículos privados ao tráfico necesario para que a cidade funcione, e eliminar tráficos non desexados como o de axitación e aparcamento».

O rexedor lembrou que no pasado mes de abril acudiu até Madrid, en representación do colectivo Cidades que Camiñan —case sesenta cidades, entre as que están Bilbao, Sevilla, Valencia, Pamplona, Cádiz, Córdoba…—, para conversar co secretario de Estado, Suso Morlán, e pedirlle a modificación da Lei de Transición Ecolóxica e recoller a posibilidade de facer zonas de baixas emisións non limitadas a cobrar por entrar ou a esixir e controlar que só entren uns coches con características técnicas determinadas.

O Ministerio entendeu a posición e as posibilidades do modelo, e malia ser aprobada naquel momento tal como estaba, o 19 de setembro saíron as directrices para a creación de baixas emisións, e nesas directrices si se recolle a vía, a terceira, que é a de reducir o tráfico e polo tanto e emisión de CO2, restrinxindo a entrada de vehículos até chegar só os precisos e necesarios para a cidade.

«Nese sentido, quero dicir que de todas as experiencias que hai no mundo, de todas as que estudamos, sexa en Europa ou Asia, en todas elas os resultados, como cobrar por entrar, sempre foi inferior aos resultados que Pontevedra acadou no centro urbano logo das medidas impostas co seu Modelo», comentou o alcalde. «Estamos a falar dun 70 % case de redución das emisións, fronte ao 40, 30 ou 20 % que viviron estas outras cidades. O que quero dicir é que o noso modelo, o Modelo Pontevedra, funciona, e non entendiamos que non se tivese en conta esa experiencia, positiva e demostrable. Teño, finalmente, que agradecer que esta demanda fose recollida, e é un éxito total, absoluto».

O Concello de Pontevedra, cun modelo totalmente funcional e apto para estes novos tempos que veñen, tomou a decisión de non solicitar subvencións para crear estas zonas de baixas emisións porque no intre da convocatoria «aínda non estaba claro a liña que había que seguir na elaboración dese PMUS». Cómpre dicir, que nesta mesma mañá de mércores, 3 de febreiro, xa foi anunciada unha segunda convocatoria para estas axudas.

Alén do xa sinalado, o Concello aspira a ter unha zona de emisións totalmente legal, que atenda as esixencias da lexislación vixente e seguir avanzando no Modelo Pontevedra, que non debe ser exclusivo para unha zona céntrica, excluíndo barrios e veciñanzas doutros lugares da vila, senón que «queremos unha zona de baixas emisións en toda a cidade e así sometido á opinión unha vez presentemos o PMUS que estamos a elaborar».

Deste xeito, todo o núcleo urbano, xunto cos barrios de Monte Porreiro, Mollavao, A Parda e O Burgo, entrarán dentro desta zona e poderán gozar da mesma calidade urbana e de vida que o resto do territorio urbano.