A Concellería de Educación aprobará o luns en Xunta de Goberno as bases e a convocatoria das subvencións do curso 2021-2022 para as Anpa

91

O tenente de alcalde e concelleiro de Educación, Tino Fernández, levará o vindeiro luns 7 de febreiro a Xunta de Goberno Local para a súa aprobación as bases e a convocatoria para a concesión das axudas ás Asociacións de Nais e Pais de Alumnos (Anpa) que desenvolvan accións no eido da educación durante o curso escolar 2021-2022. O Concello destinou ao financiamento destas subvencións un importe máximo de 24.670 euros, imputados ao orzamento de gastos do ano 2022.

Tino Fernández avanza que a convocatoria que irá a Xunta de Goberno “ten por obxecto regular o procedemento da concesión de subvencións, en réxime de libre concorrencia, para fomentar as actividades no eido da educación e tódalas súas facetas que promovan as Anpa de centros educativos do concello de Pontevedra mantidos con fondos públicos que impartan ensinanzas de primeiro ou segundo ciclo de Educación Infantil e/ou ensinanzas obrigatorias”. “As axudas destínanse a proxectos e accións que fomenten actividades dirixidas á comunidade educativa en xeral e consideradas de interese educativo: promoción do deporte, ocupación do tempo libre e promoción da cultura”, sinala o edil do PSOE.


Segundo explica, “a contía da subvención estará en función do custo dos programas/actividades, sendo o mínimo establecido a conceder de 500 euros ou a parte proporcional en función do custo total da actividade”. En ningún caso o importe da axuda poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, supere o custo total da actividade a desenvolver polo/a beneficiario/a. A porcentaxe subvencionable polo Concello non poderá exceder do 50% do custo da actividade a que se aplique.


As Anpa interesadas poderán presentar as súas instancias coa correspondente documentación solicitando a subvención a través da sede electrónica municipal (https://sede.pontevedra.gal/) no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación das bases no Boletín Oficial da Provincia e na sede electrónica do Concello de Pontevedra. As deficiencias no expediente de solicitude e as omisións nos documentos preceptivos deberán emendarse, previo requirimento, no prazo de 10 días desde a data da notificación. De non emendarse, terase por desistido da súa petición, sendo arquivada previa resolución.