Inaugurada a II Feira de Alimentación de Produtos Naturais, Ecolóxicos e de Proximidade ‘O Mellor da Terra’

546

O tenente de alcalde, Tino Fernández; a concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco, e o concelleiro de Desenvolvemento Sostible, Iván Puentes, inauguraron esta mañá cun percorrido polos 37 expositores instalados na Praza de España a II Feira de Alimentación de Produtos Naturais, Ecolóxicos e de Proximidade ‘O Mellor da Terra’. O evento feiral, impulsado por Yoya Blanco co obxectivo de converterse en escaparate dos pequenos produtores da industria alimentaria e visibilizar e potenciar entre os visitantes unha ampla gama de produtos innovadores, diferenciados e saudables, estará aberto ao público de balde tanto na tarde de hoxe (ata as 21:00 horas) como o sábado e o domingo, en horario de 11:00 a 21:00 horas.

Entre os manxares que os cidadáns poderán atoparse na carpa de 50 metros instalada ante o Consistorio inclúense unha enorme variedade de delicatessen de produtores galegos, entre os que destacan firmas como Pepa a Loba cun paté de centola, e iniciativas emprendedoras que son de Pontevedra e que están a loitar para facerse un oco como Xacobleas; O Percebeiro; El Abuelo Lelo, coas súas ostras afumadas; Alicia’s Cake, coa súa fantástica repostería; aceites Embruxo e Cervexas Meiga, así como outros elixires elaborados a base de hidromel e mirabel. Tampouco faltan os produtos de mel da zona, tanto de Ourense como de Vilagarcía, as marmeladas Nela Gourmet, as galletas Burriana, a crema de cacahuete artesá Vainatti, a bica de castaña Amarelante, os cafés Aruba, as croquetas de Mareterra ou os ‘preñados’ de choripán de Antonio e Brais, así como churros de Galiano e crêpes de froita (sen esquecer as ata sete variedades de queixos distintos, a mellor de chacina de León, o pimentón de La Vera e as anchoas de Santoña).