A Concellería de Benestar Social oferta cursos de balde de LibreOffice, Google, Informática Básica e Internet e CV e Webs de Emprego dentro da programación da Aula de Informática da Casa Azul

113

A Concellería de Benestar Social porá en marcha o vindeiro 7 de marzo a programación de cursos de balde que a Aula de Informática da Casa Azul (Sala Rons do edificio situado no número 2 da rúa Sor Lucía) desenvolverá ata finais do mes de maio. Nesta oferta de obradoiros inclúense talleres de Informática Básica e Internet, LibreOffice, Google e CV e Webs de Emprego, así como horarios específicos para o uso libre da Aula e a realización de trámites electrónicos.


Tal e como explica o concelleiro de Benestar Social, Marcos Rey, “o primeiro dos cursos, centrado en Informática Básica e destinado aos veciños do concello sen coñecementos de informática, dará comezo o 7 de marzo, rematará o 13 de abril e será impartido os luns e mércores en horario de 9:30 a 11:00 horas, cunha duración de 18 horas”. “O 8 de marzo iniciaranse os talleres de LibreOffice-Writer, que se desenvolverán os martes, mércores e xoves de 12:00 a 13:30 horas, cunha duración de 25,5 horas (ata o 13 de abril); e os de LibreOffice-Calc, que terán lugar os martes e xoves de 9:30 a 11:00 horas, cunha duración de 16,5 horas (ata o 12 de abril)”, precisa o edil socialista.

O curso de Google, centrado en cuestións como a realización de buscas, o emprego do correo ou a nube, dará comezo o 18 de abril, será impartido os luns e mércores en horario de 9:30 a 11:00 horas, con 18 horas de duración (ata o 25 de maio), mentres que o de LibreOffice-Impress porase en marcha o 19 de abril, con clases tódolos martes e xoves, de 9:30 a 11:00 horas, e 16,5 horas de duración (ata o 26 de maio). A programación de cursos pecharase cun taller destinado a mellorar as posibilidades de inserción laboral a través do CV e o dominio das Webs de Emprego, que se iniciará o 19 de abril, impartirase os martes, mércores e xoves de 12:00 a 13:30 horas, terá unha duración de 25,5 horas e rematará o 26 de maio.


Marcos Blanco precisa que “para participar nestes talleres é preciso estar empadroado no concello de Pontevedra e inscribirse previamente na Aula de Informática da Casa Azul, podendo anotarse de luns a venres en horario de 9:00 a 13:30 horas”. “Con excepción do de Informática Básica/Internet, o resto dos cursos están orientados a veciñanza con coñecementos básicos de informática. Terán preferencia para inscribirse as persoas usuarias do Servizo de Benestar Social e aquelas en situación de desemprego”, matiza o concelleiro do PSOE.


A Aula de Informática da Casa Azul tamén disporá estes meses de horario de uso libre dos PC tódolos venres, de 9:00 a 11:00 horas e de 11:30 a 13:30 horas, e de diferentes espazos para a realización de trámites electrónicos: os luns, martes, mércores e xoves, de 13:30 a 14:15 horas.


Poden obter máis información sobre a programación e funcionamento da Aula a través dos correos electrónicos jlorenzo@pontevedra.eu e aulaud@gmail.com