Adxudicada a Elsamex a construción da vía que circunvalará o novo Hospital Montecelo

21
O Concello urxe á Xunta a posta a disposición dos terreos para poder asinar o contrato e iniciar as obras canto antes, acompasándoas á construción do hospital, no caso de ser posible. 

A Mesa de Contratación do Concello de Pontevedra vén de adxudicar á empresa Elsamex a construción da vía perimetral que circunvalará o novo Hospital Montecelo. O prezo de adxudicación foi de 1.161.479 euros e o prazo de execución de 12 meses. O prezo de licitación era de 1.369.951,30 euros.

Será unha vía de calzada única, cun carril por sentido e beirarrúas a ambos os dous lados, coa velocidade limitada a 30 quilómetros por hora, e pasos de peóns elevados para o calmado do tráfico.

Seguirá o esquema do modelo Pontevedra, ao igual que outras rúas da cidade, contando con catro rotondas, unha ao final, outra ao comezo, e dous no traxecto intermedio. Tamén contará cunha iluminación de seu, potenciada nos pasos peonís.

O Concello urxe á Xunta a posta a disposición dos terreos para que se poida asinar o contrato e iniciar a obra. As expropiacións corren a cargo da Xunta de Galicia cun custe de preto de 124.500 euros. Cabe lembrar que o Concello iniciou a licitación da vía de Montecelo polo procedemento de urxencia para non demorar máis o proxecto e acompasar, na medida do posible, os traballos da nova vía cos do propio hospital.

O Concello asumirá a execución da vía a través dos convenio anual coa Deputación provincial. 

Esta non é a única infraestrutura que o Concello executou en colaboración coa Xunta de Galicia para que o novo Hospital Montecelo sexa unha realidade canto antes. Xa puxo a disposición o novo depósito de Mourente, unha instalación xa rematada, que permitirá dotar de auga potábel ao centro sanitario, así como novas instalacións eléctricas, ademais de distintas achegas económicas pactadas nos distintos procesos de licitación da obra do propio hospital.