Miguel Anxo Fernández Lores, rexedor da Boa Vila, participará este luns na segunda parte da gravación do documental que está a producir Canal Arte
A produción busca aportar solucións a diversas preguntas que hoxe son habituais na axenda pública, tales como o uso do coche ou as limitacións sobre este, escollendo Pontevedra como un referente de mobilidade e posuidora, ademais, dalgunhas respostas válidas neste eido
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, acode a París este luns para participar na gravación da segunda parte do documental que a canle de televisión francesa Canal Arte está a realizar.
Os responsábeis da produción xa visitaran a Boa Vila en outubro, concretamente o día 16, intre no que gravaron diversas declaracións do alcalde, que realizou unha entrevista na contorna da Ferraría. Agora, o escenario mudará pola capital francesa, París, onde continuará explicando e divulgando a transformación acontecida na cidade nas últimas dúas décadas e que estableceu o que hoxe é coñecido como o Modelo Pontevedra.
O documental feito por Canal Arte tenta dar respostas a diversas cuestións que aparecen repetidas no debate público decotío: o uso limitado dos automóbiles, a problemática das emisións, o cambio climático e a influencia do coche neste, a mobilidade como sinónimo de democracia, como deben ser as cidades do futuro, etcétera.
O rexedor participará na gravación ao longo da mañá do luns, 7 de febreiro, para logo voar de novo até Porto. Desde alí, ao día seguinte, porá rumbo a Valongo, en Portugal, onde asistirá como invitado a unha reunión da comisión de Política para a Sostibilidade Urbana do Eixo Atlántico. Unha vez remate, volverá a Pontevedra.