O alcalde analiza en Valongo os retos de futuro sinalados polo Eixo Atlántico na procura dunhas cidades máis sostíbeis

8
A Comisión Política da agrupación portuguesa, española e galega tivo como obxectivo propoñer e sinalas os principais camiños para o desenvolvemento da axenda urbana
A reunión contou con representantes políticos e especialistas en urbanismo e sostibilidade, como José Manuel Ribeiro, presidente da Câmara Municipal de Valongo, ou as alcaldesas de Lugo e Ponteareas, Lara Méndez e Cristina Fernández Davila

O Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular celebrou esta mañá a súa Comisión Política para o desenvolvemento da axenda urbana. Unha reunión que contou con diversos representantes políticos e especialistas na materia, co fin de atopar camiños para resolver os retos que as cidades afrontarán nos seguintes anos.

Os presentes, entre os que se situaban o presidente da Câmara Municipal de Valongo, José Manuel Ribeiro, ou as alcaldesas de Lugo e Ponteareas, Lara Méndez e Fernández Davila; amais da representación pontevedresa, situada na persoa do alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores; puideron comentar e explicas as súas posicións, comentando os avances conseguidos e expoñendo as súas preocupacións. En gran medida, a preocupación polo cambio climático, o quecemento global e a redución de emisións marcaron a maioría de relatorios.

Todos os integrantes do Eixo comprometéronse a seguir traballando e implantando medidas que permitan seguir mellorando a calidade de vida das persoas das cidades representadas.

Miguel Anxo Fernández Lores sinalou que «temos unha idea clara do que temos que facer nas cidades. Debemos mellorando o aire que respiramos, limitar os vehículos, encher as rúas de actividades… Debemos crear un modelo integral, moi relacionado coa autonomía das persoas, sobre todo daquelas máis débiles, como as crianzas ou as máis maiores».

O alcalde de Pontevedra valorou de xeito positivo a reunión, ao comprobar que non poucos municipios e cidades seguen traballando arreo na mellora dos principais factores e elementos que permiten unha mellora da calidade de vida, ademais dunha mellora na saúde das persoas, tal e como amosan os estudios recollidos por IS Global, proxecto impulsado desde Barcelona polo Institute for Global Health.