O alcalde defende desde París o modelo de cidade de Pontevedra na gravación dun documental sobre mobilidade e cidades futuras

7
A produción audiovisual inclúe un debate no que tamén participou Carlos Moreno, o profesor universitario franco colombiano inventor do popular concepto da ‘cidade dos 15 minutos’

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, participou esta mañá na gravación dunha produción audiovisual para Canal Arte no que tentou achegar ideas e respostas sobre os que rodean a mobilidade, o urbanismo e o futuro cas cidades, temas máis que acaídos na axenda mediática e política durante os últimos anos.

A gravación foi realzada en París, nos estudos de vídeo Magneto Serge, preto da beira do Sena. O rexedor da cidade puido expoñer algúns dos elementos máis importantes da transformación urbana acontecida en Pontevedra, tales como os referidos a redución da velocidade ou as limitacións de vehículos dentro da cidade, na procura dun protagonismo total para o peón e o aproveitamento do espazo público.

Neste espazo coincidiu con Carlos Moreno, ben coñecido dentro do eido da mobilidade sustentábel, as ‘smart cities’, mais tamén, de xeito popular, por concibir o termo da ‘cidade dos 15 minutos’. Fernández Lores aproveitou a ocasión para conversar co profesor antes e despois da gravación e compartir algúns dos avances realizados na cidade dos últimos tempos, cidade que coñece ben, e que sinalou como exemplo xa no ano 2018, intre no que puido visitala co galo dunha intervención no III Fórum Ries18. O ano pasado, Moreno tamén foi invitado a participar como profesor na Facultade Ágora.

Alén disto, a mesa redonda contou coa presencia de Yves Carra, Portavoz do Automobile Club Association, e Zdenek Petzl, director do grupo industrial Autosap, que tamén aportaron as súas ideas e visións sobre dicotomías complexas, como se a problemática do vehículo xira ao redor do vehículo como tal ou sobre o seu motor, mesmo sobre o rédito político que un pode extraer, ben de limitar o seu uso, ben de non facelo; poñendo de exemplo práctico a Boa Vila.

«Foi unha experiencia agadable, que xirou ao redor dun tema que preocupa a todo o mundo, sexa a contaminación, o quecemento global ou o cambio climático. Fomos quen, cada un dos participantes de aportar os nosos puntos de vista e sempre é un orgullo ser invitados, como cidade, a un programa que será emitido en todos os países da Unión Europea», sinalou o alcalde. «Somos unha cidade que tomamos decisións políticas que lograron reducir a presencia dos vehículos, creando cidades máis seguras, máis dinámica e que continúa a medrar».

Por último, Fernández Lores quixo indicar o importante que é que Pontevedra siga chamada a ser un referente no mundo, á hora de falar neste eido.