A Xunqueira da Gándara aumentará a súa superficie en 17.600 m2 coa incorporación dos terreos rexenerados do parque de maquinaria e da imprenta provinciais

97
Xaquín Moreda confirmou que os servizos de Urbanismo estudan os dous proxectos da Deputación valorados en 1.335.569,33 euros. 
Nos actuais terreos do Parque de Maquinaria crearase unha pradaría con árbores autóctonas, mobiliario urbano, fontes e una senda que conectará Martín Códax co actual paseo da Xunqueira. 

O Concelleiro de Urbanismo, Xaquín Moreda informou esta mañá de que o Concello vén de recibir o proxecto de derrube e rexeneración paisaxística da Xunqueira da Gándara nos terreos que actualmente ocupan o Parque de maquinaria e a imprenta da Deputación. Os servizos de urbanismo están a estudar o proxecto.

O Parque de maquinaria ocupa unha superficie de 14.660 metros cadrados. O proxecto consiste na demolición das construcións existentes así como da rexeneración de todo o terreo. O orzamento de licitación será de 1.061.635,95 euros.

O concelleiro de Urbanismo explicou que a actuación “non é sinxela” xa que existen naves, zonas pavimentadas e unha planta de aglomerado. Fronte a esta situación actual, o proxecto contempla a creación dunha pradaría con árbores autóctonas (sobreiras, salgueiros, abeleiras, acivros, carballos e freixos), a instalación de mobiliario urbano (bancos, papeleiras e fontes) e a creación dun camiño que conectará a rúa Martín Códax co paseo da Xunqueira.

Ao respecto dos terreos da Imprenta provincial, tamén se recolle o derrube do edificio por un orzamento de 273.933,38 euros. A superficie que ocupa a imprenta é de 2.980 metros cadrados.

O Concello de Pontevedra intensificou neste mandato o traballo de diálogo con outras administracións para tratar de devolver a Xunqueira da Gándara ao seu estado natural. O Concello atopou unha gran sensibilidade na Deputación provincial polo proxecto de restauración, e foi a primeira institución disposta a devolver os terreos aos pontevedreses e pontevedresas. 

O Concello, a través das relacións da Alcaldía, continúa a solicitar tanto a Administrado do Estado como á Xunta de Galicia, a devolución destes terreos para recuperalos para o lecer dos veciños e veciñas.