A Placemaking Europe traerá a Pontevedra a expertos mundiais na planificación urbana do 27 ao 30 de setembro

25
O alcalde recibiu esta mañá ao Consello internacional desta fundación que convocará a unas 300 persoas en setembro para debatir sobre o futuro das cidades.
Ademais de planificar o congreso, tamén queren coñecer Pontevedra, dado que será un dos obxectos de estudo nas xornadas de despois do verán. 
O alcalde participa esta tarde nunha conferencia xunto a outros tres membros de Placemaking para falar nunha palestra de Urbtopías sobre “Do dereito ás cidades ás estratexias urbanas” 

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores recibiu esta mañá ao Consello internacional da Fundación Placemaking Europe, integrada por nove persoas, que durante os vindeiros dous días planificarán o IV Congreso internacional de Placemaking Europe que se celebrará en Pontevedra do 27 ao 30 de setembro. As sedes anteriores deste congreso internacional que reflexiona sobre as cidades foron Amsterdam, Estocolmo e Valencia.

O alcalde agradeceu a Ramón Marrades, responsable de Placemaking Europa “que decidira facer o Congreso en Pontevedra. Estamos ilusionados porque aínda que levamos 22 anos traballando en recuperar a cidade para as persoas e facela sostible, é un proceso dinámico que non se acaba nunca e polo tanto hai que estar atento a novas tendencias e coñecer opinións das persoas que traballan nese eido a nivel europeo e mundial”.

O congreso será unha cita para uns 300 ou 400 profesionais do eido dos espazos públicos e das cidades para abordala dende distintos puntos de vista: a saúde, os nenos, a cultura, a inclusión, as estratexias urbanas e a mobilidade. A temática, as relatorios, os proxectos e os prazos de presentación e inscrición determinaranse nas reunións que o Consello internacional do Placemaking manterá nestes dous días na cidade. 

Segundo explicou o director de Placemaking, a celebración do Congreso en Pontevedra débese a dúas razóns: para aprender “porque estamos en disciplinas que non son de talla única. As persoas precisan entender os contextos e saber o traballo que desenvolveu Pontevedra nos últimos anos”. E  a  segunda sería “compartir os propios éxitos e fracasos. Temos que entender que son disciplinas cambiantes e difíciles para ser capaces de desenvolver cidades mellores a escala urbana e baseadas en cousas que sexan interesantes”.

Ramón Marrades indicou que “estamos encantados de vir a Pontevedra”. Vén acompañado de oito membros máis do Consello internacional Placemaking entre eles o Fredrik Lindstal, empresario e presidente do Consello de administración dos portos de Estocolmo ou Vivian Doumpa, urbanista e xeógrafa que estarán hoxe pola tarde acompañando ao alcalde e ao director de Placemaking Europe, Ramón Marrades na conferencia de Urbtopías que se celebrará a partir das 19.00 horas no novo espazo cultural da cidade: a Igrexa de Santa Clara.