Seis empresas optan a executar o plan da Concellería de Desenvolvemento Sostible para a remodelación paisaxística do parque de Amalia Álvarez
86
A Mesa de Contratación do Concello de Pontevedra reuniuse esta mañá para abrir o sobre relativo ás propostas técnicas presentadas ao procedemento de contratación do plan de remodelación paisaxística do parque de Amalia Álvarez. Un total de seis empresas optan a facerse coa execución deste proxecto impulsado polo concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes, en concreto: Bricantel, Constructora e Ingeniería Messi, Garocaprim SL, HPC Ibérica, Instalaciones Deportivas Gallegas SL e Zona de Obra O Rosal.
Tal e como subliña Puentes, “trátase dunha intervención fundamental para incrementar a calidade urbanística desta parte da cidade e ampliar e optimizar o uso das súas zonas verdes e de lecer”. O proxecto deseñado polo enxeñeiro de Montes Diego Pereira (da firma Acroa) e mailo xefe do Servizo Municipal de Parques e Xardíns, Manuel Fontán, á que se destina unha achega económica de 59.875,14 euros, prevé a creación dunha área de xogos infantís de 284 metros cadrados para rapaces de 4 a 10 anos na zona sur do concorrido parque, así como a mellora da xardinería e a plantación de especies arbustivas e tapizantes.
O edil socialista lembrou que “as características técnicas da contratación dos novos equipamentos de lecer para nenos e nenas establecéronse nun proxecto/guía básico, no que se formulan uns elementos tipo de xogo cun prezo estipulado, deixándose aberta ao deseño e creatividade dos licitadores a proposta concreta dos mesmos, sempre dentro duns requirimentos mínimos e do cumprimento das normativas de seguridade”. No prego de prescricións técnicas tamén se definen, ademais dos xogos, o tipo de pavimento amortecedor, o peche do perímetro do parque infantil e unha zona de descanso para os acompañantes xerada mediante a creación dun banco corrido de oito metros ancorado no muro que delimita o terreo polo norte.
A nova área de lecer infantil estará pechada en todo o seu perímetro e será obrigado que haxa: cando menos un elemento de xogo conte con criterios de accesibilidade universal (debendo ser este un elemento dinámico ou do tipo carrusel, que xere movemento ao introducirse no seu interior); cando menos un bambán cunha cadeira tipo cueiro e outra plana; un xogo combinado con alomenos tobogán, rede de escalada, plataforma e escada; un elemento composto mediante combinación con casiñas de xogo, e a subministración e instalación dun xogo tipo resorte con capacidade para dúas persoas. Tódolos elementos de xogo adaptaranse e cumprirán co disposto no Decreto 245/2003, do 24 de abril, polo que se establecen as normas de seguridade nos parques infantís, e especialmente no que se refire aos capítulos III e IV do devandito Decreto e ás normas UNE-EN 1176.
O proxecto permitirá mellorar o valor paisaxístico deste espazo mediante a dotación dunha óptima composición a nivel de xardinería e de instalacións de rega que permitan a conservación e desenvolvemento dos valores estéticos propios dun parque moderno nunha zona urbana consolidada; xerar ámbitos de socialización comunitaria, ao crear lugares de encontro e realización de actividades lúdicas a través da instalación dunha zona de estancia cun banco corrido de madeira dentro do parque de xogos, e incrementar a capacidade de acollida e confort coa reforma dos bancos existentes, dotándoos a todos de respaldo.
Entre as melloras contempladas no plan de actuación inclúense unha ampliación da superficie de malla antiherbas, arborado e plantas vivaces e a subministración e instalación dun punto de recarga cun mínimo de dous conectores USB de 2,1A e 5V e un enchufe (toma schuko), soporte de apoio para os terminais e sistema de retroiluminación ‘recargando’.
O prazo de execución previsto é dun mes e medio desde o inicio das obras.