Pontevedra acollerá dous campionatos de España de ximnasia en 2023

2
Serán das modalidades de trampolín e acrobática. Traerán á cidade entre 600 e 800 deportistas 

Pontevedra acollerá o vindeiro ano dous campionatos de España de Ximnasia: acrobática e trampolín. Así o acordaron esta mañá o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores cos presidentes das federacións española e galega de ximnasia, Jesús Carballo e José Manuel Estévez Feijoo, respectivamente, e co Club Treboada representado polo seu presidente, Carmelo Vázquez Fernández.

As datas estarían por concretar, pero o alcalde adiantou que poderían celebrarse entre os meses de maio e xuño, e traerían á cidade entre 600 e 800 deportistas. Dado que serían campionatos clasificatorios para as olimpiadas, achegaríanse a Pontevedra os mellores ximnastas do Estado.

O alcalde adiantou que a organización tratará de que se celebren en fins de semana consecutivos para aproveitar as instalacións dunha competición para outra.

Sobre o lugar de celebración, tamén está por concretar pero se baralla tanto o Pavillón Municipal como o Recinto Feiral.

O Club Treboada sería o encargado da organización dos eventos xunto ao Concello.

Miguel Anxo Fernández Lores na presentación dos Campionatos de España de Ximnasia Trampolín e Acrobática 2023.