O orzamento de licitación supera os 422.000 euros e o contrato terá unha duración de 3 anos.
Os traballos que se inclúen son rozas manuais e mecanizadas, retirada de residuos, eliminación de invasoras, eliminación de brotes de eucalipto, replantacións, acondicionamento de camiños e reparación de mobiliario e de peches.
A contrata atenderá ás 30 hectáreas do parque da Fracha; ás 56 da Tomba e ás 5,6 de Pontillón do Castro.
A Mesa de contratación do Concello de Pontevedra vén de recibir 14 ofertas de empresas para realizar os traballos de mantemento e sostemento dos parques forestais de Pontevedra: Pontillón do Castro, A Fracha e A Tomba. O concelleiro responsable de Montes, Alberto Oubiña destacou o interese que suscitou o contrato que permitirá ter en bo estado de goce estes novos espazos de lecer e esparexemento dos veciños e veciñas de Pontevedra, especialmente nas estacións de máis uso: primavera e no outono.
O orzamento de licitación é de 422.588,76 euros e o contrato terá unha duración de tres anos, é dicir, a Concellaría de Montes destinará case 140.862,92 euros/ano para traballos como rozas, reposicións de árbores, melloras de pistas, retirada de especies invasoras… O investimento atenderá a máis de 30 hectáreas no parque da Fracha; 56,80 hectáreas no da Tomba; e a 5,66 hectáreas no de Pontillón do Castro.
As empresas que presentaron ofertas son as seguintes:
- Brocoli S.L.
- E.I.L. Cormo Integral
- Elsamex
- Emdesfor 2002
- Excavaciones y desbroces Rocha
- Forestal Santomé
- Maderdeza
- Naturgalia
- Properdis, empresa de inserción laboral
- Redenor
- Servitec medioambiente
- Silvareira
- Vigalco
- Xestión ambiental de contratas
O contrato permitirá a conservación das plantacións, os carreiros, as infraestruturas e o mobiliario. Ademais realizaranse tratamentos, de forma progresiva e periódicos, para evitar a proliferación de especies invasoras. Para iso esíxese a roza manual evitando a eliminación de exemplares de especies a preservar; a roza mecanizada onde non se requira selección de especies e que polas súas características, se poidan realizar mediante rozadora mecanizada sobre tractor ou similar; selección de brotes de eucalipto consistente na extracción de gromos nas aéreas de plantación doutras especies; retirada de residuos,é dicir,a recollida de residuos e o seu posterior transporte para o seu tratamento,segundo indicacións; replantacións nas zonas xa replantadas e que non foran adiante. As especies deben ser as mesmas; tratamento de invasoras con rozas e, en caso extremo, tratamento fitosanitario sobre o brote cortado; acondicionamento de camiños coa regularización da capa de rodadura; reparación de mobiliario e peches ou reposición no caso que fose necesario, mantendo sempre os materiais orixinarios.
Ademais do contrato de sostemento, a Concellaría de Montes está a realizar actuacións de maior envergadura nos tres parques que non asumirá o contrato de mantemento.
En Pontillón do Castro fíxose unha intervención integral dado que se trata do parque máis antigo. Creouse en 2010 e dende aquela víñase facendo un sostemento puntual dos seus espazos. Para equiparalo aos recentemente inaugurados: Fracha e Tomba, investiuse 73.000 euros na reparación dos camiños perimetrais do encoro; renovación do parque infantil coa mellora do peche e dos seus elementos de xogo; renovación ou reparación de mobiliario; reparación dos dous miradoiros; e retirada do rocódromo.
No caso dos parques da Tomba e da Fracha, aínda que foron recentemente postos a disposición da veciñanza, a Concellaría de Montes segue a realizar melloras e incorporacións aos seus espazos. No caso da Tomba mellorarase o acceso ao miradoiro do Pinar do Rei (a parte máis alta do parque) creando unha zona de canalización de augas, amais de acondicionar e arranxar o terreo. Tamén serán instaladas mesas e bancos noutros lugares para promover as zonas de descanso. O orzamento é de 38.000 euros.
No caso do Parque Forestal da Fracha, a Concellaría xa pensa na mellora do bikepark xa que se superaron todas as expectativas de usuarios. Está previsto habilitar unha zona de estacionamento para aumentar a seguridade e a comodidade dos usuarios. Vai ser un aparcadoiro de xabre compactado, non agresivo coa contorna cun investimento de 38.000 euros.
«A aposta polos parques forestais de Pontevedra é total xa que supera o medio millón de euros en investimento e en sostemento. Queremos un monte produtivo porque se o monte está traballado producirá un efecto multiplicador na economía local. Queremos seguir traballando coas comunidades de montes porque esta é a proba de que outro modelo forestal é posíbel», explicou concelleiro de Montes, Alberto Oubiña.