O Laboratorio da Infancia inicia mañá unha rolda de talleres para recoller as opinións do alumnado sobre a cidade en materia de espazos públicos, cultura, vida saudable, sociedade e medio ambiente

50
  • Estes encontros darán paso a 5 foros que se desenvolverán durante os meses de marzo e abril na Casa das Campás para realizar as presentacións públicas das conclusións de cada un dos Lab’s

O programa Laboratorio da Infancia, impulsado pola Concellería de Educación con financiamento nun 80% polo Fondo Europeo Feder a través da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible Integrado (Edusi), iniciará mañá unha rolda de talleres en diversos centros educativos de Pontevedra para coñecer de primeira man as opinións dos nenos e nenas sobre a cidade en relación a tódolos aspectos abordados nas distintas Mesas de Traballo cos adultos: Lab Sociedade, Lab Espazo Público, Lab Cultura, Lab Medio Ambiente e Lab Vida Saudable. En concreto, os obradoiros co alumnado (de entre 8 e 12 anos) terán lugar nos seguintes colexios e datas:


CEIP Barcelos: 15/02 (Espazo Público), ás 9:45 horas

CEIP A Xunqueira I: 16/02 (Cultura), ás 9:00 horas

CEIP Santo André de Xeve: 17/02 (Espazo Público), ás 9:00 horas

CEIP Barcelos: 22/02 (Vida Saudable), ás 9:45 horas

CEIP A Xunqueira I: 23/02 (Sociedade), ás 9:00 horas

CEIP Ponte Sampaio: 24/02 (Sociedade)

CEIP Santo André de Xeve: 3/03 (Cultura), ás 9:00 horas

CEIP Marcos da Portela (Monte Porreiro): 4/03 (Vida Saudable), ás 9:00 horas

CEIP Ponte Sampaio: 10/03 (Medio Ambiente)

CEIP Marcos da Portela: 11/03 (Medio Ambiente), ás 9:00 horas


Estes encontros darán paso a 5 foros que se desenvolverán durante os meses de marzo e abril na Casa das Campás para realizar as presentacións públicas das conclusións de cada un dos Lab’s, nas seguintes datas (en horario de 19:00 a 21:30 horas): 


– 17 de marzo, Lab Sociedade

– 24 de marzo, Lab Espazo Público

– 31 de marzo, Lab Cultura

– 4 de abril, Lab Medio Ambiente

– 7 de abril, Lab Vida Saudable


Tal e como explica o tenente de alcalde e concelleiro de Educación e Deportes, Tino Fernández, “desde o pasado mes de novembro, estes grupos de profesionais mantiveron reunións no Pazo da Cultura para realizar o diagnóstico da situación do concello de Pontevedra e a súa infancia, e nestes momentos atópanse definindo os obxectivos e as liñas de actuacións das distintas Mesas de Traballo, coa finalidade de elaborar unha estratexia dirixida á poboación infantil”. “Esta proposta parte do potencial educador da cidade e pretende construírse de xeito colaborativo, polo que, ao longo do vindeiro mes, abrirase ao público xeral a través de foros abertos nos que os membros dos Lab’s exporán as conclusións das Mesas de Traballo e buscarán a participación do público. Deste xeito, os asistentes poderán facer suxestións, comentarios ou achegas que poderán ser engadidas no deseño da estratexia final”, indica o edil do PSOE.