Pontevedra volve vestirse de branco esta fin de semana coa celebración do salón nupcial De Voda con Nerea

184
  • O wedding showroom, impulsado pola Concellería de Promoción Económica e Turismo, exhibirá no Recinto Feiral a maior oferta comercial do sector das vodas a aquelas parellas que desexan celebrar o seu enlace a curto ou longo prazo
  • O evento contará con medio centenar de expositores, un concerto e desfiles de comuñón, noiva e madriña e noivo. Haberá servizo de cafetería, dous foodtrucks e espazos chill out para desenvolver relacións comerciais nun ambiente familiar

Pontevedra volverá engalanarse e vestirse de branco esta fin de semana coa celebración do salón nupcial De Voda con Nerea, impulsado pola Concellería de Promoción Económica e Turismo co obxectivo de achegar de xeito directo a maior oferta comercial de servizos e produtos do sector a aquelas parellas que teñen previsto organizar o seu enlace matrimonial a curto ou longo prazo. O wedding showroom exhibirá no Recinto Feiral as propostas de medio centenar de expositores e, entre as actividades previstas, inclúense un concerto e desfiles de noiva, comuñón e madriña e noivo, así como talleres infantís e un inchable con monitor. Ademais, haberá servizo de cafetería durante todo o día e dúas food trucks de cachorros quentes e hamburguesas.

O salón nupcial, que permitirá que os noivos accedan de xeito inmediato a provedores cualificados cun aforro de tempo e enerxía, foi presentado esta mañá no Concello nun acto no que participaron a concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, e a responsable da súa organización, Mar Calvar. Tal e como subliñou a edil socialista, “trátase dunha feira que permite aos expositores un contacto directo con clientes potenciais, aumentando con este primeiro contacto as posibilidades de amosar os seus produtos e servizos e diferenciarse do resto”. “Este evento -sinalou- é unha grande oportunidade para interactuar, descubrir novos clientes e segmentos de mercado e xerar novos contactos para a marca. Ao contar con stands no salón, as firmas poden avaliar o interese, opinión e comentarios realizados polo seu público obxectivo, axudando a fortalecer a conexión e confianza cos noivos”.

Como antesala do propio salón, o venres 18 de febreiro pola tarde terá lugar unha xornada profesional de networking para fomentar sinerxías entre as diferentes empresas participantes (só para provedores). Tanto o sábado 19 como o domingo 20 de febreiro, as instalacións do Recinto Feiral permanecerán abertas ao público en horario de 11:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 20:30 horas (Yoya Blanco protagonizará o sábado ás 11:30 horas a inauguración da feira cun paseo polos expositores).

Os desfiles entre os grandes atractivos

A concelleira asegura que os desfiles volverán ser un dos grandes atractivos deste De Voda con Nerea, estando previstos dous de noivas, un de Rosa Clará Vigo o sábado ás 18:00 horas e outro de Bride to Be o domingo ás 18:00 horas; un de comuñón coa participación de Olga Modas, Badum Badero e Trasniños, e outro de madriñas e noivos a cargo de Olga Modas. Asemade, para amenizar aínda máis o ambiente de celebración nupcial, o sábado ás 17:30 horas haberá un concerto de Xarima Eventos, e os máis pequenos poderán desfrutar de talleres infantís e do inchable con monitor ao longo de ámbolos días. O stand mellor decorado premiarase cunha participación no evento De Voda con Nerea 2023.

Yoya Blanco amosouse “especialmente contenta de poder ofrecer esta rolda de prensa, porque a verdade é que levamos dous anos tremendos para todo o que ten que ver cos eventos, e sobre todo no que se refire a este salón nupcial, para o que en 2021 empregamos unha fórmula diferente por streaming na Finca Batacos, que gustou bastante, e que agora regresa á súa receita clásica”. A concelleira de Promoción Económica fixo fincapé na enorme variedade de firmas e provedores que se moven arredor deste sector e que estarán representadas no salón: fotografía, transporte, roupa, cátering… “A xente segue a casar”, apuntou Blanco.

Pola súa banda, Mar Calvar subliñou a importancia do salón para axudar a “desvirtualizar as marcas que hai detrás das redes sociais e poñerlles rostro a esas empresas”, xa que moitos provedores “coñécense unicamente de refilón e non soen coincidir nas vodas, porque mentres un montan outros están entrando e saíndo e non existe esa conexión”. “É importante que as recomendacións veñan dos propios compañeiros, sexan do mesmo sector, que por exemplo teñan a data ocupada e nola poidan trasladar a nós e viceversa, ou dun sector diferente, que se lembren de nós e que coñezan quen está detrás desa marca e poidan recomendar os nosos servizos a outros clientes”, asegurou a responsable da organización.

Para Calvar, se ben “aínda hai algunha voda deste ano atrasada”, o sector ten en 2022 “unhas expectativas moi boas: vén un ano moi forte de vodas”. De feito, segundo sinalou, “a grande maioría dos provedores ten completo o 2022” e este salón está especialmente enfocado aos casamentos de 2023. “É certo que hai servizos que se deixan para última hora, para tres ou catro meses antes, e as parellas que casen este ano e que aínda non os teñan pechados ou contratados poden facelo neste salón, pero tódolos demais servizos están pensados para as vodas novas de 2023”, indicou.

Mar Calvar precisou que, a pesar de que as parellas buscan inspiración noutras celebracións e publicacións, “as vodas son agora mesmo moi personalizadas, cada parella quere a súa propia voda, pensada para eles”, polo que non existe unha tendencia clara á hora de organizalas.

Entre as firmas que xa confirmaron a súa presenza neste salón atópanse:

1 Olga Modas

2 Salitre y Papel

3 Enes Espacios Creativos 

4 Eventos Casa Benito

5 Miss Majorita Eventos

6 La Postrería de Marta

7 Eventualive 

8 Eventualive Kids

9 Son Events

10 Juan Vega Photography 

11 Nuria Atanes Fotografía 

12 Mery Puch Tocados Novia y Comunión 

13 Badum Badero

14 Rosa Clará Vigo 

15 Magdalena Salá

16 Vaia Cara Caricaturas

17 La Magia Perfecta 

18 Xiradela Eventos

19 Floristería Freesia

20 Axóuxere

21 Visual PC Studio

22 Casa do Sear

23 Los Dulces de Albita

24 Kousiñas 

25 Sandra Lomba Peluquería 

26 Lelé Eventos

27 Arax Gazzo

28 Autocares Rías Baixas

29 Jose Mosquera Visualgal 

30 Galicia en Boda

31 B-Bartender

32 Saraos Concept 

33 Bride To Be 

34 Decopetite

35 Alicia’s Cakes

36 Notblank Fotógrafos de Boda

37 Xarima Eventos

38 Trasniños

39 Flipo Park

40 Peluquería y Estética Elisa 

41 El Secreto de Candela

42 Pixelecer

43 Beatriz Císcar Bodas

44 Rafa Prieto

45 Global Eventos

46 Mi Vieja Roulotte