Víctor Méndez presenta o seu documental Narcogallegos no Liceo Casino: “Narcogallegos é os ollos da Policía e tamén os ollos dos narcotraficantes”

136

O xornalista e escritor pontevedrés Víctor Méndez presentou esta mañá no Liceo Casino o seu documental Narcogallegos, no que se analiza o negocio do narcotráfico desde diferentes puntos de vista. O acto, antesala da estrea oficial da peza audiovisual en Movistar Plus+ contou coa participación do tenente de alcalde e concelleiro de Deportes e Saúde de Pontevedra, Tino Fernández; o xefe da Sección Antidroga Greco Galicia, Emilio Rodríguez; a xefa do Servizo Aeronaval de Vixilancia Aduaneira, Laura Rebollo, e a responsable de Compras Alleas e Entretemento de Movistar Plus+, Leticia Pérez Rico. Tamén asistiron a subdelegada do Goberno, Maica Larriba; o xefe da Brigada Central de Estupefacientes, Antonio Duarte; a delegada especial da Axencia Estatal da Administración Tributaria (Aeat), Imelda Capote; o xefe da Policía Local de Pontevedra, José Duarte, e os concelleiros de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco, e Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes.

O documental de Méndez, xornalista especializado en tráfico de drogas e autor dos libros ‘Narcogallegos, tras los pasos de Sito Miñanco’ e ‘Traficantes de la muerte. De la heroína al fentanilo’, consta de dous episodios que desgranan o negocio das drogas e pon en valor o traballo das Forzas de Seguridade na súa loita contra o tráfico de substancias. A peza audiovisual, producida por Imaco, actualiza, cunha narración trepidante, un tema de máximo interese e actualidade, xa que 2021 marcou récords de incautacións de cocaína en todo o mundo.
Os asistentes ao acto de presentación, que incluíu a degustación dun viño español ao final do mesmo, tiveron ocasión de ir abrindo boca cun teaser de dous minutos, que sen dúbida espertou o máximo interese por seguir a estrea do documental en Movistar Plus+ mañá ás 22:30 horas (cunha segunda entrega o mércores 23 de febreiro no mesmo horario). 

En Narcogallegos, que tamén estará dispoñible baixo demanda, teremos ocasión de ver operacións antidroga en pleno desenvolvemento, en vivo, escoitando tanto o que di a Policía ou Vixilancia Aduaneira como as conversas que manteñen os narcotraficantes mentres transportan cocaína. Tal e como asegurou o propio Víctor Méndez, “Narcogallegos é os ollos da Policía e tamén os ollos dos narcotraficantes”, e á hora de realizar este documental, “tivemos a oportunidade de acceder aos narcos de máis alto nivel mundial”.

Tino Fernández salientou a importancia de empregar tódolos recursos da Concellería de Saúde “para previr e concienciar nas escolas, con programas como ‘Alimentación, deporte e saúde’; nos clubs deportivos, cos talleres de Hábitos de Vida Saudables; nas rúas, a través de A Vida é Movernos; na Feira da Saúde, e colaborando en proxectos como este, que poñen de relevo unha realidade que non se pode agochar e contra a que loitan sen descanso as nosas Forzas e Corpos de Seguridade e outros organismos do Estado”. “Víctor fixo un documento que describe moi ben o pasado e presente, que informa, que conciencia e que axuda a previr”, subliñou o tenente de alcalde.


Emilio Rodríguez lembrou que gran parte do traballo desenvolvido polo Greco “é silencioso, de moito tempo, cos cascos postos” e Víctor Méndez “é un xornalista que axuda a que a sociedade comprenda o noso labor diario e, sobre todo, que aquí non hai romanticismos e os criminais son criminais proveñan de onde proveñan”. Pola súa banda, Laura Rebollo felicitou ás Forzas de Seguridade e a Vixilancia Aduaneira “porque o recoñecemento deste documental é un agasallo para todos e un aliciente para seguir traballando”.


A responsable de Movistar Plus+, Leticia Pérez Rico, admitiu que “desde o principio sabiamos que se trataba dun proxecto interesante”, xa que “buscamos historias locais cunha repercusión global desde a mirada dun especialista”. “Este documental únese a unha aposta por produtos de non ficción de produción local”, aseverou Pérez Rico.