O Concello modificará os pregos de contratación para axustalos á realidade de prezos e tempos que provocou a pandemia

28
Os novos contratos terán en conta os prezos á alza que está a experimentar o mercado de subministros, amais dos novos prazos de execución que precisan as actuacións e os seus responsábeis para a súa finalización
O Concello tamén fai un novo chamamento á veciñanza e administradores para que regularicen os seus vaos e non teñan que confrontar sancións económicas

A portavoz do Goberno, Anabel Gulías, deu conta esta mañá de luns, 21 de novembro, da Xunta de Goberno celebrada a primeira hora. Entre os diferentes temas tratados, un deles xirou ao redor da área de Contratación, propoñendo algunhas modificacións para os pregos de contratación logo da pandemia que durante os últimos dous anos fixo mudar diferentes aspectos, tanto na Administración como no día a día da veciñanza.

Gulías explicou que se estivo a realizar unha revisión detes pregos de contratación, os documentos nos que se estipulan as condicións para a contratación municipal, coma o prezo, o período de execución e demais elementos. «Por mor da pandemia, semella que todo cambiou e que a algunhas das súas consecuencias chegaron para quedar», explicou a portavoz, en referencia a contratacións nas que o Concello viviu atrasos na saída e posta en marcha da obra ou na propia finalización. 

«Refírome a dúas cuestións concretas: a alza dos prezos de subministros de provedores; onde manexabamos prezos nun principio que logo non se correspondían co momento actual da licitación; e, doutra banda, notamos que é preciso ampliar os prazos de execución, por suposto dependendo da obra, pero si aumentalos nas propias condicións que fixamos», explicou Gulías.

Como exemplo desta problemática que agora quere ser solucionada, aparece a reforma de Loureiro Crespo, «unha obra significativa para a cidade». Unha obra impulsada en pandemia, en maio de 2020, coa idea de animar a economía a local e que sufriu xa dos atrasos, e que agora engadirá unha nova prórroga, aprobada xa en Xunta de Goberno, para poder ser rematar. De novo, sobre a mesa aparece a problemática na falta de subministros por parte dos provedores, servizos e recursos. A novo prazo de finalización da obra remata en maio.

Este exemplo serve para pensar e propoñer pregos máis axustados á realidade, cuns novos criterios que teñen ese prezo á alza dos subministros e ese tempo extra necesario para a execución das obras.

Regularización de vaos 

Outro dos asuntos tratados na Xunta de Goberno deste luns, foi o seguimento e actualización do proceso de regularización dos vaos no municipio.

O Concello continúa co proceso de regulación de Vaos, proceso no que se leva traballando desde o no 2018. No balance realizado até o momento, e que se segue a manter desde o Goberno, é que este é positivo, pois a maioría dos veciños e veciñas da cidade foi cumprindo co establecido, adquirindo as novas placas e poñendo ao día a licenza. Porén, o Concello detecta que un 20 % de casos aínda non regularizou a súa situación. «Desta porcentaxe é posíbel que por diversos motivos non accederon ao sistema e non foron quen de facelo, mais tamén é certo que unha porcentaxe, pequena, que tomou a decisión de non regularizar a situación do seu vao… por iso o Concello debe perseguir ou intensificar, ou facer fincapé, nestas persoas que deciden non pagar ou non regularizar a súa situación», explicou Gulías.

«Queremos aproveitar esta ocasión para pedir de novo que, por favor, administradoras e persoas, presten atención a este asunto e poidamos rematar coa regularización. Se non se ten unha placa ao día, non hai prohibición de aparcar diante dun garaxe ou dun acceso; é dicir, a grúa non retirará un vehículo estacionado diante dun vao ilegal», sinala a portavoz. «Doutra banda, queremos dicir que se un vao xa non é vixente, o Concello pode actuar para devolver a súa entrada, o seu acceso, para que esa parte da beirarrúa sexa restituída, volvendo a levantar o borde que corresponde, ou facer o pintado que corresponda».

Ademais, Gulías lembrou que o ter unha placa non autorizada pode estar penado con sancións administrativas de até 3.000 euros, dependendo do caso. Na actualidade, habería na cidade entre 250 ou 275 vaos pendente da súa regularización.