O concelleiro Marcos Rey depositará a Bolsa dos Desexos de Asampo na Catedral de Santiago o vindeiro domingo 27 de febreiro

28

O concelleiro de Benestar Social, Marcos Rey, será este ano o encargado de levar e depositar na Capela da Corticela (no interior da Catedral de Santiago) a Bolsa dos Desexos cos anhelos e afáns recollidos nos diversos organizados ao longo do ano pola Asociación de Amigos da Pontevedrada (Asampo) en colaboración co Concello. A Bolsa será trasladada desde Tui á capital galega entre os días 26 e 27 de febreiro nunha marcha de 25 horas continuadas, por relevos, protagonizada por integrantes e voluntarios do colectivo.


Segundo sinala Marcos Rey, “a Bolsa dos Desexos sairá de Tui o sábado 26 de febreiro ás 8:00 horas, coa previsión de chegar a Alameda de Santiago ás 9:00 horas do domingo 27, xornada na que convidamos a tódalas asociacións e particulares que queiran a acompañarnos neste último treito”. “Iranse montando mesas informativas nas principais cidades do Camiño de Santiago polas que pasará a Bolsa. No caso de Pontevedra, a mesa instalarase na Praza da Peregrina o sábado 26 arredor das 16:00 horas”, explica o edil socialista.


Unha vez depositada na Capela da Corticeira, os papeis nos que están escritos os desexos serán empregados para acender o botafumeiro da Catedral.