O Coche de Punto abre o seu servizo á totalidade da veciñanza das parroquias de Pontevedra

259
A nova forma de mobilidade continúa en fase de aprobas e sube un chanzo nese sentido, aspirando a realizar durante o mes de marzo unha proba de estrés o máis próxima posíbel á realidade
Toda a veciñanza do rural pontevedrés poderá facer uso do Coche de Punto e da súa aplicación dun xeito gratuíto neste novo período de experimentación e corrección

O novo Coche de Punto, servizo de mobilidade público que parte do transporte a demanda individual e que constitúe un xeito de desprazamento único no mundo, comezará unha nova fase de probas que incluirá xa a toda a veciñanza do rural pontevedrés. Así, todos os veciños e veciñas das parroquias do municipio poderán facer uso da aplicación que permite reservar e gozar das  viaxes que permite o servizo.

O concelleiro de Mobilidade, Demetrio Gómez, anunciou este novo capítulo dentro da posta en marcha do Coche de Punto, logo de confirmar o bo funcionamento do servizo ao longo da fase de probas, amais da corrección das incidencias detectadas e do engadido de melloras solicitadas ou propostas en base ás conclusións obtidas durante a primeira parte desta fase beta.

WhatsApp Image 2022 02 23 at 12.37.57
Este teléfono tamén permite a solicitude de inscrición no servizo.

«Imos abrir a fase de probas a todas as parroquias e a todos os veciños que viven nelas», afirmou o edil, que tamén explicou que «a partir das próximas horas, a páxina web oficial www.cochedepunto.galestará dispoñíbel para cubrir e solicitar o uso do servizo. Tamén aparece dispoñíbel o teléfono 986 07 00 66, no caso de preferir facelo a través dunha chamada».

Gómez explicou que esta apertura case total da aplicación ten como obxectivo someter ao máximo estrés ao servizo, para poder seguir traballando nas posíbeis incidencias que poidan xurdir, amais de comprobar como se comportan os usuarios con el, os coches, a plataforma, etcétera. Doutra banda, sinalou que as conclusións iniciais son moi positivas, estando o Coche do Punto «funcionando moi ben». 

«Estamos, francamente, moi orgullosos do traballo realizado durante toda a fase de probas e que nos levou a ter unha páxina web verdadeiramente sinxela. É moi fácil navegar por ela e conta cunha contorna moi amábel, simplificada ao máximo para as persoas que poidan ter calquera dificultade, que aínda así tamén terán a posibilidade de usar o teléfono», puntualizou o concelleiro.

Gómez quixo sinalar que este tipo de servizo é totalmente «punteiro», e que «non existe en ningún outro sitio do mundo con estas características», sendo, ademais, froito dun traballo en equipo e con tecnoloxía galega. Unha equipa conformada polo propio Concello, o servizo de taxis de Pontevedra e dúas empresas encargadas de todo o aplicativo, amais dos usuarios que permitiron sacar adiante as primeiras probas. «Creo que estamos conseguindo que sexa absolutamente accesíbel xa na fase de probas, chegando a ser aínda máis sinxelo cando se poña en marcha de  xeito oficial», comentou o edil.

Captura de pantalla 2022 02 23 a las 12.39.49

O concelleiro de Mobilidade tamén achegou algúns datos da fase de probas realizada até o de agora, na que aparecen as parroquias de Lérez e Campañó como as que máis usaron o servizo, «probablemente por estar situado alí o centro de saúde». As viaxes teñen unha duración aproximada duns 20 minutos, e cun custo de media de 10,16 euros de taxímetro, sendo case sempre viaxes individuais.

«Simplemente queremos convidar a todos estes veciños e veciñas a sumarse a estre proxecto e a construírmos entre todos a poñer en marcha o transporte público da Pontevedra do século XXI», finalizou Gómez.