Desenvolvemento Sostible incorpora ao Servizo de Parques e Xardíns unha máquina aspiradora de follas e unha desherbadora que axilizarán ostensiblemente as tarefas de mantemento das zonas verdes

214

A Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural continúa a actualizar as ferramentas de traballo dos operarios do Servizo de Parques e Xardíns de cara a facilitar e axilizar as tarefas de mantemento e embelecemento das zonas verdes de Pontevedra e mellorar ao máximo posible as súas condicións laborais. As últimas incorporacións tecnolóxicas realizadas polo departamento que dirixe o socialista Iván Puentes son unha moderna máquina aspiradora de follas e unha desherbadora subministradas pola firma especializada Baygar cunha achega global de 15.437,18 euros.


Os novos aparellos foron estreados esta mañá no Parque das Palmeiras nunha presentación na que participaron o propio edil de Desenvolvemento Sostible; o xefe do Servizo de Parques e Xardíns, Manuel Fontán, e mailo adxunto comercial de Baygar Vilagarcía, Pablo Loureiro, así como operarios do Servizo e da empresa Garocaprim. O concelleiro Iván Puentes explicou que “o investimento máis importante, de 12.512,61 euros, foi o destinado a mercar a aspiradora de follas, dotada dunha mangueira de cinco metros con mango de aluminio, adaptable sobre camións volquete e ideal para desenvolver os traballos de mantemento intensivo das zonas verdes, así como a limpeza de rúas e estradas”.


A máquina aspiradora, da firma Rabaud e modelo Windy 491, dispón dun motor de gasolina Kohler de 14 CV con arrinque eléctrico por batería (cunha garantía de tres anos), elevador hidráulico, malla de revestimento de volquete para conter os residuos, voluta de 490 mm de diámetro e rotor descentrado para previr os atascos no eixo (con seis palas facilmente desmontables). Tal e como puntualizou Iván Puentes, “ao contrario que as máquinas sopradoras, que requiren soprar primeiro tódalas follas que temos nun recinto, amoreala nun sitio e recollela despois por medios manuais, esta aspiradora permite optimizar o tempo, ‘chupando’ follas, maleza e gravilla que poida estar solta e volcándoa directamente ao camión”. 


“Vainos permitir, especialmente na época de caída de folla, resolver un dos problemas que provoca habitualmente máis chamadas ao Concello, que é a acumulación de follas en determinados puntos da cidade”.


A desherbadora, modelo AS 30 WeedHex 160 e adquirida cun orzamento de 2.924,57 euros, permitirá a eliminación mecánica de malas herbas dun xeito ambientalmente responsable, sen o emprego de produtos químicos. Tal e como indicou Iván Puentes, “esta máquina ofrece unha velocidade de traballo de ata 1.000 metros cadrados por hora, conta cun pano protector montado no dispositivo, polo que non é preciso protexer as áreas de traballo con paneis, valos ou teas, está deseñado para o seu uso en superficies irregulares (adoquíns, sumidoiros, esquinas…) e dispón dunha velocidade de cepillo reducida, de 600 rpm, o que xunto coa tea protectora posibilita un traballo seguro cun risco mínimo de proxección de pedras e po”.


O concelleiro de Desenvolvemento Sostible está convencido de que, coas últimas máquinas incorporadas e mailo concurso de Parques e Xardíns “que xa tocamos coa punta dos dedos e que está a piques de resolverse”, as zonas verdes da cidade “gañarán en seguridade e mantemento neste 2022”, permitindo un maior desfrute por parte dos veciños e veciñas.


Pablo Loureiro subliñou que “a desherbadora é unha máquina indispensable para un mantemento efectivo e seguro das zonas verdes, realizando unha eliminación das malas herbas e brotes que poidan nacer nas beiras das beirarrúas, parterres, bordos…”. “Leva un faldón protector para evitar impactos, polo que, ao contrario que as desbrozadoras de man, non é preciso delimitar a zona de traballo nin dispor de dous operarios (un deles dedicado a protexer o espazo cunha pantalla). É moi fácil de manexar e non ten un mantemento excesivo, porque está dotada simplemente dun motor de gasolina sen chumbo de catro tempos”, precisou o responsable comercial de Baygar.
No que atinxe á aspiradora de follas, Loureiro destacou a súa idoneidade para executar “traballos de retirada de follas que poidamos atopar en áreas arboradas, principalmente en alamedas, zonas de palmeiras e parques con grande profundidade de vexetación”. 


Durante a presentación, Iván Puentes tivo ocasión de probar a eficacia das novas máquinas nos xardíns do Parque das Palmeiras.